Preocupación polos intereses galegos na Arxentina
O presidente da Xunta amosouse preocupado pola escalada de tensión entre os Gobernos de España e da Arxentina. Teme que finalmente acabe perxudicando, entre outros, ás empresas pesqueiras galegas que están en plena negociación das cuotas de pesca. En Onda Cero Galicia Rueda afirmou que, na súa opinión, a confrontación entre Pedro Sánchez e Javier Milei «é buscada polas dúas partes» e que en parte «responde a unha estratexia electoral do PSOE» pola cercanía das eleccións europeas. «Alégrome de que o Partido Popular se manteña á marxe», concluía.Reunión co ministro das Infraestructuras de Portugal
Este xoves o presidente galego viaxará a Portugal para manter un encontro de traballo co ministro das Infraestructuras luso, Miguel Pinto. Agarda que lle ratifique o compromiso do Executivo portugués coa conexión de alta velocidade Oporto-Vigo; «todo indica que se mantén», sinalou. Ademais, coida que non hai motivo para que isto choque cos plans dos dous países de avanzar tamén na conexión Madrid-Lisboa.
Sobre a alta velocidade Galicia-Madrid, e o inicio da circulación dos trens Avril na rede ferroviaria interna galega, dicía Alfonso Rueda que «confío na palabra do ministro» en canto a que «se incrementarán as frecuencias», o que agarda que leve aparellada unha baixada de prezo dos billetes.
Acuse de recibo
En Onda Cero Galicia confirmou que lle deu acuse de recibo á misiva enviada estes días pasados pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na que esta pedía unha reunión a tres bandas (Rueda, Besteiro e Pontón) para acordar unha posición conxunta sobre o traspaso da AP9. Iso si, dicía que «non entendo que pida que nos reunamos para facer forza por algo que nos contaron que estaba acordado (no pacto de investidura asinado por PSOE e Bloque)». E volveu unha vez máis a referirse ás declaracións do secretario xeral do PSdG-PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro, durante a campaña electoral, nas que mantiña que a AP9 sería gratuita.
Altri
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi especialmente crítico co BNG ao referirse aos posicionamento dos nacionalistas en relación ao proxecto de Altri en Palas de Rei. «Perderon as eleccións e necesitan bandeiras para dicir que están activos políticamente», afirmou. Insistiu en que se está a facer «un estudio riguroso» por parte dos técnicos da Administración autonómica (están a avaliar as alegacións presentadas) e reiterou que «se houbera cousas que non proceden, a Xunta non o autorizaría en ningún caso».
Tamén volveu a amosar a súa preocupación pola suspensión de autorizacións para parques eólicas por parte do TSXG (40 ata o de agora). «Estámonos a xogar moito», manifestou novamente. Comprometeuse como presidente do Goberno galego a «loitar con todos os argumentos legais» para «facer fronte a decisións que considero inxustas».
Na procura de inversións chinesas
Alfonso Rueda falou en Onda Cero da súa recente xuntanza co embaixador de China en España. Reunión solicitada polo proprio embaixador, segundo desvelou o presidente da Xunta, ao que «sorprendeu» o coñecemento que tiña de Galicia. Toca «coidar as relacións e procurar que se concreten en investimentos», expuxo.
Litoral
O Executivo aínda non recibiu resposta, por parte do Goberno central, da súa solicitude de convocatoria da comisión mixta de transferencias, para abordar o traspaso a Galicia do persoal e instrumentos precisos para poder xestionar o litoral. Aínda que entende Alfonso Rueda que «as cousas teñen o seu tempo» de deixará pasar un «tempo prudencial».
Lingua galega
E noutra orde de cousas, sobre o futuro do decreto do plurilingüismo. O xefe do Executivo autonómico reafirmou o xa expresado esta semana; non desbotou que se poida modificar xa que entende que se pode «falar destas cousas» e «a outra postura» tamén tén que «escoitarnos».