A Coruña, a cidade na que Luísa Villalta naceu hai 66 anos e a mesma na que morreu hai 20, acollerá prácticamente todos os actos de homenaxe neste Día das Letras galegas de 2024. Así o confirma o presidente da Real Academia, Víctor Freixanes, que define a Luísa Villalta como unha muller de pensamento e acción, poeta, narradora, ensaísta e columnista, que foi tamén profesora e violinista.
O acto principal deste ano será o 17 de maio no teatro Rosalía. No tradicional plenario da real Academia intervirán os membros Ana Romaní, Margarita Ledo e Manuel Rivas. pero ademais, o teatro acollerá ese día a representación de Concerto para un home só, a primeira obra teatral de Luísa Villalta, un monólogo publicado en 1989. En febreiro a Academia presentará a programación da Primavera das Letras, pensada para achegar aos escolares a figura da escritora. E no derradeiro trimestre do ano pecharanse os actos de homenaxe a Villalta cun simposio das Letras Galegas.
A Real Academia anima a ler este ano a esta autora e ten xa activada a web https://academia.gal/letras-galegas/2024/luisa-villalta que incluirá, a partir de marzo, unha serie documental de seis capítulos e contidos para a rapazada. A irmá da escritora, Susana, cre que Luisa ten hoxendía "aínda moito que dicir".