Cultura

740 euros recadados para Cáritas Ourense na VI edición de “Cata a Arte"

A sexta edición da iniciativa “Cata a Arte”, que organiza a Deputación de Ourense, a través do Centro Cultural "Marcos Valcárcel", e a D.O. Ribeiro, recadou 740,58 euros para a ONG Cáritas de Ourense cos donativos dos asistentes.

Óscar Gómez

Ourense |

Francisco González, Javier Soto, Juan Casares e Rosendo Fernández | Deputación de Ourense

A sexta edición da iniciativa “Cata a Arte”, que organiza a Deputación de Ourense, a través do Centro Cultural "Marcos Valcárcel", e a D.O. Ribeiro, recadou 740,58 euros para a ONG Cáritas de Ourense cos donativos dos asistentes a esta actividade cultural que cada xoves do mes de novembro ofreceu a posibilidade de gozar de catas de viños de adegas do Ribeiro amenizadas con propostas culturais moi variadas.

O acto de entrega do recadado nesta edición tivo lugar hoxe no centro cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da D.O. Ribeiro, Juan Casares; o secretario de Cáritas Ourense, Javier Soto; e o director do Centro Cultural, Francisco González.

O vicepresidente do goberno provincial destacou que a sexta edición de “Cata a Arte” constata que se trata dunha “actividade consolidada que consigue unha maridaxe perfecta de cultura, arte e viño, e co valor engadido de ter un marcado carácter solidario contribuíndo economicamente e dando visibilidade a diferentes entidades sociais da nosa provincia como nesta ocasión, a Cáritas Ourense que realiza un labor indispensable no noso territorio”.

Neste sentido, o director do centro cultural asegurou que esta iniciativa é a “máis agradecida por varias razóns: pola afluencia de xente que asiste en cada cata, por conxugar dous elementos esenciais para nós como é a cultura e a posta en valor dun produto noso como o viño do Ribeiro”. Ademais, Francisco González lembrou que desde hai catro edicións “os asistentes poden colaborar cos seus donativos cunha entidade social e, nesta ocasión, percibimos que Cáritas é unha ONG moi querida pola cidadanía”.

Pola súa parte, o presidente da D.O. Ribeiro dixo que “Cata a Arte” é unha das accións de promoción do Ribeiro “con máis participación de xente” e que nesta edición deu “un salto cualitativo e cuantitativo coa asistencia de case 800 persoas nas catro catas, polo que a nosa intención é manter este evento”.

Finalmente, Javier Soto quixo agradecer en nome de Cáritas Ourense non só a contribución económica que esta actividade fixo coa asociación, senón pola visibilidade que se lle da ao labor das entidades sociais e das persoas, afirmando que esta actividade ten “un valor engadido excepcional ao colaborar con quen máis o necesita”.