ABANCA e a Federación de Comercio de Ourense únense para impulsar o comercio na provincia
ABANCA e a Federación de Comercio de Ourense veñen de renovar o seu convenio financeiro co obxectivo posto en impulsar, fundamentalmente a través do crédito, a reactivación económica e comercial da provincia
A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, e o director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, rubricaron hoxe na capital das Burgas un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co comercio de proximidade en Galicia.
O convenio facilita que os comerciantes da provincia de Ourense accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Os asociados poderán contratar produtos como préstamos persoais e hipotecarios, pólizas de crédito, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. Ademais, a entidade financeira conta coa figura de xestor especializado en Negocios, especificamente deseñada para atender as necesidades deste colectivo.
Ademais, o documento asinado pon a disposición deste colectivo de empresarios e autónomos a comercialización de produtos específicos da entidade, entre os que destaca o servizo APRAZOS nas súas dúas modalidades: con Terminal Punto de Venda (TPV) ou sen TPV (banca electrónica). Os profesionais pertencentes a esta asociación tamén se beneficiarán de tarifas personalizadas na alta e o mantemento dos dispositivos TPV.
O texto rubricado permite igualmente beneficiarse de alternativas de financiamento especial grazas ao Plan Activamos. Así, os asociados poderán dirixirse ás oficinas de ABANCA para solicitar información e financiamento, a través desta liña aberta polo banco e a Deputación de Ourense. Do mesmo xeito, os comerciantes adheridos poderán desfrutar das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con ICO e IGAPE, así como coa sociedade galega de garantía recíproca Sogarpo.
Os asociados tamén se beneficiarán das vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.
Adicionalmente, co ánimo de optimizar a calidade do servizo que se presta aos membros da asociación e darlles unha atención máis personalizada, a entidade poñerá á súa disposición
persoal especializado en xestión de seguros, quen informará das pólizas que mellor se adapte ás necesidades de cada asociado. ABANCA tamén poñerá a disposición deste colectivo o seu servizo de banca a distancia.
A Federación de Comercio de Ourense naceu co obxectivo posto en defender os intereses dos comerciantes da provincia, unha peza clave da economía ourensá. Nos últimos meses activou numerosas campañas dirixidas a amosar o potencial do colectivo e incentivar as compras nestes establecementos de proximidade das nosas cidades e vilas. Pola súa parte, ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para Negocios.