Vive a túa propia historia

Actividades para pequenos e maiores no Entroido de Maceda

Do 14 ao 26 de febreiro, o municipio conta cunha ampla oferta cultural na que non faltarán os Felos, a baixada da Marela, actividades infantís e desfiles de disfraces.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Entroido de Maceda | Onda Cero Ourense

Declarada Festa de Interese Turístico Galego, o Entroido de Maceda bota a andar o 14 de febreiro e durará no municipio ata o día 26 cun amplo abano de actividades. Durante estas xornadas tanto nenos como maiores poderán gozar cos actos programados para a ocasión, onde non faltará a presenza do Felo, figura representativa do Entroido de Maceda, moi similar ao Peliqueiro de Laza e ao Cigarrón de Verín.

O venres 14 comeza a festa coa cea de entroideiras no Lar dos Felos.

Tamén ese día comezará a ruta gastronómica “Pinchos de Entroido”, durante a cal se poderán degustar deliciosos petiscos en diversos restaurantes do municipio. O horario degustación será de 19 a 23 horas e o seu prezo será de 1,50 euros.

Sábado 15, a partir das 20 horas dará inicio o Fiadeiro en Carguizoi, onde os veciños abrirán as portas das súas casa ás gaitas e pandereitas para sonar entre as chocas. Os Felos tamén estarán presentes.

O domingo 16, a praza Cervantes acollerá desde as 17 horas a “Tarde de Bolouros”, na que se recuperará esta tradición da zona. Haberá, ademais, chocolatadae doces para os nenos.

O venres 21 de febreiro comezarán os días grandes do Entroido de Maceda, coa noite de comadres dende as 20 horas na praza das Toldas.

O sábado 22, os Felos percorrerán desde primeira hora as aldeas da Serra de San Mamede. A súa saída será desde o Antigo Matadoiro.

Ás 19.30 horas baixará A Marela desde o parque do Toural. As charangas BCB, Zes Pereiras e Os Fugitivos amenizarán dende a tarde ata a madrugada a festa.

O Domingo de Entroido, os Felos volverán percorrer durante este día as aldeas e pobos da Serra de San Mamede. A súa saída será desde o Antigo Matadoiro a ás 9:30 horas.

Xa o luns 24, os máis pequenos poderán gozar no Pavillón Municipal a partir das 17 horas dunha festa infantil con hinchables e desfile de disfraces.

O martes 25 (festivo local en Maceda) terá lugar o gran desfile de Entroido, que comezará o seu percorrido ás 18 horas desde a rúa dás Canteiras e contará coa participación de Felos, carrozas e comparsas. Ás 21 horas será a entrega de premios para os mellores disfraces.

E, por último, o Mércores de Cinza ás 20 horas levarase a cabo na praza das Toldas o enterro do Entroido de Maceda.

Vive a túa propia historia | Gadasa