O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, vén de manter un encontro de traballo coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, así como con José Juan Durán, presidente de Portos de Galicia. O motivo desta reunión foi a solicitude de cooperación para a posta en valor do río Miño no seu tramo urbano.
Así, Jesús Vázquez Abad trasladoulle á titular deste departamento da Xunta, Rosa Quintana, “a necesidade de poñer en marcha un proxecto que sirva para abrir Ourense cara o río desde o punto de vista deportivo e turístico”. Tanto a conselleira como o responsable de Portos de Galicia comprometéronse a analizar esta petición para articular un proxecto, conxunto co Concello de Ourense, que permita a valorización e dinamización do tramo urbano do río Miño ao seu paso pola cidade de As Burgas.