Ampla programación de Nadal no Concello de Verín
Teatro, concertos, ludoteca e a tradicional cabalgata de Reis son algunhas das actividades que terán lugar na recta final destas festas.
Concertos, teatro, obradoiros, mercados e feiras, actividades nos centros de maiores e na Ludoteca, iniciativas sociais e comerciais, xunto coa tradicional cabalgata de Reis son algunhas das propostas que inclúe o amplo programa de Nadal do Concello de Verín, que está distribuído nos establecementos comerciais e hostaleiros da vila para que poidan consultalo todos os veciños e visitantes.
Para esta recta final, diversas son as citas que deben apuntar na axenda. O venres 3 terá lugar a Gala familiar de AEVER “Estrela Máxicas”, que dará comezó ás 18:30 horas no pavillón de deportes e que inclúe o tradicional premio de escaparates ás 20 horas.
O sábado 4 de xaneiro o Auditorio acolle ás 20 horas a actuación de María do Ceo, con entrada de balde.
E xa o domingo 5, ás 17:30 horas, terá lugar a cabalgata dos Reis Magos, que os máis pequenos agardan sempre con ilusión, co percorrido habitual, saíndo do asilo e rematando no pavillón de deportes. Aqueles que quieran formar parte da cabalgata poden recoller os traxes de pastor/a, anxo ou estrela na Ludoteca.
Ademais, ata o 6 de xaneiro pódese visitar o coñecido Belén da Viruca, sito no Salón Parroquial de Verín, e aberto ao público de luns a sábado de 17 a 20 horas. Trátase dun belén de gran tradición familiar que mostra as escenas típicas da tradición relixiosa e elementos da actualidade galega. Un belén que é posible grazas á dedicación desta familia e a colaboración da Uap de Verin.
Así mesmo, ata o 7 de xaneiro o Concello organiza da Ludoteca de Nadal, dirixida a cativos entre 3 e 10 anos, co obxectivo de facilitar aos pais a conciliación do traballo coas vacacións escolares dos máis pequenos. Así, no pavillón de deportes contarán con diversas actividades de luns a venres de 9 a 14 horas e de 16 a 20 horas, e tamén o sábado de mañá.