Cun auditorio a rebosar, Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF, subiu a dar un discurso no que agradeceu especialmente a Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, o seu empeño en sacar adiante esta edición de 2018. “Pretendemos que a sociedade ourensá recupere a estima no seu festival. Así que tamén grazas, Manuel Baltar, por confiar en min, por confiar en nós” afirmou o vicepresidente da Fundación Carlos Velo. Foi precisamente o presidente da Deputación o encargado de facerlle entrega da Calpurnia de Honra ao cineasta ourensán Xavier Bermúdez. Un premio máis que merecido en recoñecemento á traxectoria do director, guionista e produtor, que recibiu o premio entre grandes aplausos.
Trala entrega do galardón, chegou unha das sorpresas da gala. Kepa Junkera subiu ao escenario para interpretar un tema antes do visionado de “Mar de Terra”. O músico vasco xunto co director do documental, José Antonio Blanco, e o produtor, Javier Torquati, foron os encargados de presentar a cinta. Os Entroidos da provincia de Ourense e de Lugo son os auténticos protagonistas de “Mar de Terra”, ofrecendo unha perspectiva “humana e sincera” destas tradicións. Entre o público atopábase parte do elenco que participou nesta produción e que conseguiu dar un toque de cor á gala cos seus traxes de peliqueiros, pantallas e máscaras históricas. Para finalizar, Kepa Junkera e os seus músicos interpretaron a canción composta en exclusiva para este documental. En resumo, unha gala sobria e áxil, sen moitos ornamentos pero con calidade, igual que esta edición número 23 del OUFF preparada en tempo record.