Nesta cuarta edición participarán ao redor de 200 deportistas procedentes de diferentes provincias da xeografía española (Asturias, Santander, Galicia, País Vasco, León, Salamanca, Cáceres, Badaxoz, Valencia, Gran Canaria, Zamora), así como tamén de Portugal, que poderán coñecer un dos lugares máis icónicos da provincia de Ourense.
A saída será o domingo, 12 de maio, na localidade de Luintra, en Nogueira de Ramuín, a partir das 9.30 horas, para posteriormente recorrer os territorios de O Pereiro de Aguiar, Parada de Sil, A Teixeira, Xunqueira de Espadanedo e Esgos, onde os deportistas poderán deleitarse con diferentes paraxes pola Ribeira Sacra, sendo un lugar único para rodar en bicicleta.
Os cicloturistas poderán realizar o percorrido de gran fondo de 115 quilómetros e de máis 2.600 metros de desnivel co alto de meda como punto de maior dificultade que será cronometrado entre todos os participantes; o medio fondo de 85 km e de máis de 2.000 metros de desnivel; ou o minifondo de 75 quilómetros cun desnivel de máis de 1.700 metros e exclusivo para bicicletas Gravel.