Onda Deportiva Ourense

Así foi a Semana Santa para o deporte de Ourense

O deporte ourensán non descansou por Semana Santa, todo o contrario. Moita actividade para a maioría dos representantantes ourensáns

Onda Cero Ourense

Ourense | 18.04.2022 19:07

Onda Deportiva Ourense

3 RFEF

Gimnástica Segoviana 1-0 CD Arenteiro

Sete encontros levaba o Arenteiro sen coñecer a derrota e desta ocasión tocoulle probar o amargo sabor dun tropezo que frea aos do Carballiño nas súas aspiracións por lograr canto antes a permanencia e que incluso os puido deixar en postos de playoff, se a balanza se decantase en vitoria. Un encontro no que os de Fran Justo non aproveitaron varias ocasións das que dispuxeron, especialmente na segunda metade, cando se animaron os ataques, tras uns primeiros 45 minutos iniciais de moita igualdade e sen ocasións claras. Un tanto de Szymanowski no minuto 68 deixou os tres puntos en terras segovianas e fai que o Arenteiro teña agora tan só 3 puntos de marxe co descenso a falta de 4 xornadas.

3 RFEF

Rápido de Bouzas 1-1 Ourense CF

O Ourense CF viu como voaban as súas opcións de depender de si mesmos na última xornada para lograr o primeiro posto e o ascenso directo. O conxunto de Rubén Domínguez sumou un empate na cancha dun combativo Bouzas, que se deixou a pel por rascar algo positivo para seguir na loita polo playoff. Os ourensáns adiantábanse ao comezo da segunda metade, cando Palmás aproveitaba un rexeite tras un lanzamento de Jerín para perforar a meta rival. No 94, nun saque de curruncho chegaría o empate do Bouzas, gracias a un remate de cabeza de Pablo Ledo.

CSD Arzúa 1-0 CD Barco

Derrota do Barco en Arzúa, que desperdiciu unha boa ocasión para asegurarse a cuarta praza e a súa presencia matemática nos playoffs. Os locais adiantábanse aos 34 minutos de xogo, cando os de Valdeorras máis presionaban en busca do tanto que os puxera por diante. Un gol que foi un duro varapau para o conxunto de Javi Rey, do que non se conseguiu recuperar. A actuación do meta local privou o Barco de sumar algo máis positivo, pero a pesar de todo seguen en postos de playoff e dependen deles mesmos para xogar a fase de ascenso.

Atlético Arnoia 1-1 Juvenil Ponteareas

O Atlético Arnoia despediu a súa andadura na Terceira División ante a súa afección cun empate ante outro dos equipos da zona baixa da táboa. Un Arnoia que chegaba mermado pola falta de xogadores, despois de desputar encontro ligueiro o xoves, onde se impuxo ao Sofán. O conxunto de Iván González encaixou un tanto encontra aos cinco minutos de xogo, pero logrou recuperarse e xa na segunda metade, Rubén Arce conseguía a igualada. Rucho tivo o tanto da vitoria nos minutos finais, pero o seu remate marchou fóra e o Arnoia so puido despedir a tempada na Queixeira cun empate.

Preferente Galicia - Fase de Ascenso

Villalonga 0-1 Ourense

Novo triunfo da UD Ourense que segue en cabeza da táboa cunha vantaxe importante cos seus perseguidores. Desta vez os ourensáns foron quen de sumar a domicilio, unha vitoria moi importante, porque descolgan ademais a outro rival directo como o Villalonga. Nun encontro moi desputado, un tanto de Hugo García na segunda metade serviulle os de Jorge de Dios para sumar tres novos puntos, que os manteñen líderes en solitario antes do encontro decisivo deste sábado no Couto ante o Gran Peña.

Gran Peña 3-1 Barbadás

Tiña o Barbadás unha saída moi compricada ante un dos favoritos ao ascenso, e a pesar de que os azulóns pelexaron por rascar algo positivo, acabaron caendo derrotados. Os pupilos de Agustín, adiantábanse no marcador aos 3 minutos, gracias a un tanto de Rivero tras asistencia de Manu Blanco, pero antes do descanso o Gran Peña conseguía a igualada. Na recta final de encontro, un penalti e un tanto no desconto, sentenciaban a un combativo Barbadás, que cae da terceira praza, pero que aínda ten moito que dicir.

Portonovo 3-1 Verín

Derrota do Verín, que cada vez ten máis compricado achegarse aos postos de arriba e que sucumbiu na súa visita a Baltar. Nunha primeira parte moi igualada, un erro da zaga verinesa permitiu os locais adiantarse no marcador. Tralo paso por vestiarios, Luisito perdoaba o empate e o Portonovo anotaba o segundo acto seguido. O Verín pelexou por meterse no encontro e Luisito recurtaba diferencias. Cando os de Vilachá tiñan opcións de empatar, chegou un novo erro na saída de balón e o terceiro e definitivo do Portonovo.

Preferente Galicia - Fase de Permanencia

Nogueira 0-1 Mondariz

Dura derrota do Nogueira que se mete en postos de descenso, despois de desperdiciar unha ocasión de ouro para achegarse a permanencia e darlle vida ademais a un Mondariz que xa parecía desafiuzado. O equipo de Bruno Gómez desperdiciou boas ocasións e acabouno pagando cun tanto dos visitantes nos minutos finais, que fai caer o Nogueira a postos de descenso directo.

Sporting Guardés 4-0 Velle

Dura derrota do Velle na súa visita ao Guardés, que deixa os de Monte da Aira moi tocados e con moita presión nos vindeiros encontros se queren seguir vivos na loita pola permanencia. Tras unha primeira parte na que non houbo grandes ocasións, xa na segunda os locais meteron a directa e golearon, deixando o equipo adestrado por Peluso nunha situación difícil, pero non imposible de remontar.

Polígono 1-3 Valladares

Derrota do Polígono que cada vez ten máis compricada a permanencia e que apunta a descenso. O conxunto industrial veuse superado polo ímpetu do Valladares, que dende o comezo impuxo o seu ritmo. Cando os de Emilio Padrón quixeron reaccionar, xa perdían por 0-2, pero un tanto de Marcos volveu a metelos no encontro, pero cando o partido se converteu nun correrrúas, chegou o tanto da sentencia do Valladares, que deixaba no marcador o 1-3 final.

E tamén ... polideportivo

Baloncesto

Mollet 59-87 Club Ourense Baloncesto

Contundente vitoria do COB a domicilio no encontro de ida dos oitavos de final do playoff de ascenso e que deixa os ourensáns cunha vantaxe de 28 puntos para afrontar o encontro de volta no PAco Paz. Tras un primeiro cuarto igualado, pero no que os ourensáns marchaban cunha vantaxe de 5 puntos, as distancias seguiron aumentando no segundo cuarto, cun equipo que amosaba a súa mellor versión da tempada ante un Mollet que non foi rival. Tralo paso por vestiarios, o COB fixo un terceiro cuarto impecable, cun parcial de 9-29 que sentenciou o choque e que amosou que os de Guillermo Arenas parecen ter superado, ao menos neste encontro, ese baixón que acostumaban a dar na recta final. No último cuarto, os cobistas mantiveron as distancias e aseguraron o triunfo. Destacar a actuación de Dukanovic con 20 puntos.

Ponce Valladolid 63-56 Codigalco Carmelitas

Tras varios encontros consecutivos vencendo, chegou o primeiro tropezo dun Carmelitas, que deberá remontar a vindeira fin de semana no Vedruna unha diferencia de 7 puntos. Nun encontro moi igualado, as locais dominaron no primeiro cuarto e o segundo, chegando cunha vantaxe de 2 puntos ao descanso. Tralo paso por vestiarios o choque seguiu o mesmo guión e o Carmelitas rematou caendo, aínda que por poucos puntos, polo que a volta preséntase coma unha gran opción para achegarse as semifinais. Destacar a Kristina Innemee con 24 puntos e a Regina Gómez con 16.

Fútbol Sala

Leganés 8-3 Ourense Envialia

O Ourense Envialia desperdiciou unha gran ocasión para meterse nos playoff polo título, logo de caer na cancha dun Leganés que foi moi superior. As de Morenín xa caían por 5 tantos a 0 aos 16 minutos de choque, aínda que conseguiron despertar e mterse novamente no encontro gracias a 3 tantos, obra de Judith e Jeni Lores por partida dobre. O que deixaba as ourensás a 2 goles do empate a falta de 7 minutos. O Leganés meteu a directa nos minutos finais e sentenciou o choque. O Envialia disporá dunha nova oportunidade este martes as 20:45 nos Remedios, onde recibe o Burela.