Baloncesto 3x3

A Deputación de Ourense e a Federación Galega de Baloncesto impulsan o “3x3 DepOUrense”

O evento terá lugar o vindeiro 22 de xuño no Pazo Paco Paz e permitirá desfrutar a todas as idades dos atractivos do baloncesto en formato 3x3.

Óscar Gómez

Ourense | 07.06.2024 12:15

Ourense estrea a competición 3X3 de baloncesto
Ourense estrea a competición 3X3 de baloncesto | La voz de galicia

Trátase dun evento que combinará a xornada de competición con actividades lúdicas, coa música e as artes urbanas como aliadas perfectas desta práctica deportiva. E contará tamén cun marcado compoñente saudable: todos os participantes gozarán de froita fresca e auga, e poderán realizar doazóns de sangue na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue do Sergas que estará instalada no exterior do Paco Paz.

Os equipos interesados en participantes xa poden facelo ata o 20 de xuño a través da páxina web http://torneo3x3depou.com, ou ben na da propia federación www.fegaba.com. A inscrición é libre e gratuíta.

O “3x3 DepOUrense” está aberto á participación de todas as idades. Así, sobre a pista central do Paco Paz e na súa pista auxiliar poranse en xogo as categorías desde premini ata sénior, incluíndo unha categoría +45 e outra familiar, abrindo a posibilidade a todas as idades de gozar dos atractivos do baloncesto en formato 3x3. A pesares de que o carácter competitivo non é o principal compoñente deste evento, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados, un premio especial para os campións en cada categoría e un recordo para todos os participantes, así como outras sorpresas a través de concursos e agasallos.

O deporte de equipo urbano número 1 do mundo

O baloncesto 3x3 é o deporte de equipo urbano número 1 do mundo. Trátase dunha modalidade que se xoga nunha única canastra e consta de tres xogadores por equipo. Está impulsado pola FIBA e xa se disputou en certames oficiais internacionais, como nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

Se ben este xogo xa existía con anterioridade, a FIBA regulamentouno e creou campionatos internacionais para o mesmo. De feito, desde 2012 dispútase a Copa Mundial FIBA de Baloncesto 3x3.