Motor

Martínez Carracedo e Antonio Vázquez vencedores do rallysprint de Silleda

Javier Martínez Carracedo e José Antonio Vázquez, aos mandos do seu habitual Renault 5 GT Turbo, foron os vencedores da primeira edición do Rallysprint de Silleda.

Óscar Gómez

Ourense | 20.05.2024 08:04

Martínez Carracedo e Antonio Vázquez vencedores do rallysprint de Silleda
Martínez Carracedo e Antonio Vázquez vencedores do rallysprint de Silleda | onda cero

Cun clima variable e abundante público, o Rallysprint de Silleda deixou momentos de emoción e igualdade entre os 87 equipos inscritos, nunha xornada que se desenvolveu sen incidencias de gravidade.

Nos esbaradizos treitos da zona de Silleda, Carracedo e Vázquez non deron opción aos seus rivais, situándose na cabeza da carreira xa no primeiro treito, posición que non abandonaron ata chegar ao parque final de carreira cun tempo de 29:18.398. Ademáis, tamén foron os primeiros clasificados no novo formato promocional do certame o Trofeo Igol 2 Rodas Motrices. O equipo do GT Turbo aventaxou en 12 segundos aos vencedores da primeira proba, Antonio Fernández “Ventura” e Alberto González, no Mitsubishi Lancer Evo X R4. Completaron os tres primeiros postos da clasificación, José Manuel Pazos e David Calvo, no competitivo Ford Fiesta R2.

A continuación situáronse Adrián Campaña e Manuel Raido co BMW M3 e Marco Lorenzo e Diego Gil, no Peugeot 106.

Dentro dos formatos promocionais, acompañaron no podio da Igol 2 Rodas Motrices David Lojo e Álex Somoza e Juan José Couceiro e Brais Núñez.

No Desafío Kumho Rallysprint, primeira victoria da tempada para Aitor Fornos e Adrián Díaz, seguidos de Rubén López e José Ángel Fente e de Rubén Gandoy e Nicolás Meizoso.

Entre os participantes da modalidade extra, que non puntúa para o campionato, o mellor equipo clasificado foi o formado por Alberto Nimo e Mónica Álvarez, no Skoda Fabia R5. O segundo lugar foi para David González e Gustavo Piris e o terceiro para José Antonio Gómez e Rubén Soto, nun Skoda Fabia R5 e un Citroën Ds3 N5, respectivamente.

A terceira e derradeira proba do Campionato Xunta de Galicia de Rallysprint terá lugar o 28 de setembro con motivo do Rallysprint Val de Ramirás