Ajedred

O Xadrez Ourense acadou o terceiro posto no campionato de España

O gran mestre Iván Salgado destaca o “momento doce” do xadrez na actualidade, xa que “o nivel está subindo moitísimo e a demanda é incríble”

Óscar Gómez

Ourense | 30.09.2022 09:16

O Xadrez Ourense acadou o terceiro posto no campionato de España
O Xadrez Ourense acadou o terceiro posto no campionato de España | onda cero

O gran mestre Iván Salgado expresou a satisfacción do equipo ourensán por acadar este resultado, que cualificou de “éxito tremendo”, especialmente ao tratarse dun equipo de Ourense que aposta por xogar “con xente da casa”. Lembra a este respecto que no ano 2017 uniuse ao club ourensán co reto de chegar a División de Honra. Agora, non só se acadou ese reto senón que o equipo da cidade é o terceiro mellor de España. O club, con 212 deportistas, dixo, aposta por “manter este modelo e seguir mellorando”.

Salgado explicou que o xadrez se atopa actualmente nun momento “moi doce, o nivel está subindo moitísimo, a demanda é incríble, e hai que aproveitalo”. Neste senso, engade que “moitos pais nos piden formación para os seus fillos porque buscan esa actividade que lles dea ese extra de concentración, de disciplina, de toma de decisión, de autocontrol, e o xadrez dalles iso”.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, manifestou que “é unha honra recibir estes rapaces de Ourense que están na primeira división do xadrez, un deporte no que Ourense é unha potencia a nivel nacional. É impresionante saber que nun deporte somos dos mellores e máis nun que require tanto intelecto”. O alcalde subliñou que a cidade ten “unha estrela internacional” como Iván Salgado, “que é ourensán, que é gran mestre, un dos únicamente 20 que hai hoxe en activo en España, e que compite cun club de Ourense. É unha ledicia absoluta e seguiremos apoiando”.