Onda Deportiva Ourense - Polideportivo
Baloncesto
Zornotza 81-73 Club Ourense Baloncesto
Derrota dun Clube Ourense Baloncesto que volveu as andadas en terras vascas e que se viu superado polo ímpetu dos locais nos primeiros compases. Os de Armando Gómez tardaron moito en reaccionar e cando quixeron darlle a volta ao encontro, a empresa xa era case imposible, xa que o descanso chegaban perdendo por 45-32. Melloraron os cobistas no terceiro cuarto, meténdose no partido e chegaron a porse por diante no último cuarto, pero foi un espellismo, porque novamente volveron a irse do encontro para caer derrotados ante un rival directo.
O COB xa non depende de si mesmo para ser campeón de grupo e xogarse o ascenso nunha soa eliminatoria. Terá que gañar os seus encontros e agardar tropezos e senón tocará a em,presa máis difícil, gañar tres fases para lograr volver a LEB Ouro.
Armando Gómez deixa de ser adestrador do COB
Club Ourense Baloncesto comunicou na tarde do luns a destitución do seu adestrador, Armando Gómez.
USAL La Antigua 79-80 Solgaleo Bosco
Triunfo pola mínima dun Solgaleo Bosco nun encontro no que foi de máis a menos e que levou no último suspiro. Comezaron mellor os locais, que levaban o primeiro cuarto por 21-16, pero os ourensáns non se renderon e con 28 puntos anotados no segundo cuarto, púñanse por diante no marcador ao descanso, ao que chegaban 3 arriba. Os locais volveron apretar no terceiro cuarto e volvían porse por diante, concretamente por un punto. O Solgaleo foi mellor no último cuarto e levou un valioso triunfo para escapar da parte baixa. Destacar a actuación de Josep Cera con 24 puntos.
Codigalco Carmelitas 83-61 Fodeba Gijón
Nova vitoria dun Carmelitas que segue imparable nesta primeira fase da competición e que onte sumou un novo triunfo no seu último encontro como locais da fase regular. Un encontro que estivo moi igualado nos primeiros tres cuartos e que se decantou ao comezo do último, cando as colexiais impuxeron a súa lei e sentenciaban a falta de 10 minutos para o final. No último cuarto as de Suso Garrido anotaron 28 puntos, unha anotación xa irrecuperable para as asturianas. Destacar a actuación de Regina Gómez con 26 puntos.
Fútbol Sala
Non xogaron esta semana nin o primeiro equipo nin o filial de Ourense Envialia FSF.
Cidade das Burgas 5-3 Txantrea
Volveu a senda do triunfo o Cidade das Burgas, despois da derrota da pasada fin de semana ante o líder, o Viaxes Amarelle. As pupilas de Manolo Codeso recompuxéronse para levar o triunfo ante un combativo Txantrea, que plantou cara a un Cidade cada vez máis mentalizado en meterse como cabeza de serie no playoff de ascenso. 3 goles de Sol, 1 de Clara e outro de Nerea cimentaron un importante triunfo que mantén as verdibrancas na segunda praza.
Sala Ourense 7-3 Unión Arroyo
Volveu a senda do triunfo o Sala Ourense, tras moitas xornadas sen coñecer a vitoria. Os de Kike García sumaron tres valiosos puntos ante un rival da parte alta e que nos primeiros compases mandou no encontro, póndose dúas veces por diante. Os ourensáns non se renderon e gracias aos tantos de Iago, Álex Alonso e David Bermejo chegaban ao descanso con vantaxe de 4-2. Xa na segunda metade, os ourensáns tardaron en anotar para seguir abrindo camiño, pero cimentaron o seu bo facer en defensa. Fer, Álex e Raúl completaron a goleada e os 3 puntos quedaron no Paco Paz.
Balonmán
Carnes do Ribeiro 26- 31 Lanzarote
Derrota do Carnes do Ribeiro nun encontro no que comezaron moito mellor, cun parcial de 6-1 que facía preveer un fácil triunfo dos de Ribadavia, ante un rival da parte alta. Tras un gran inicio dos de Félix Mojón, os canarios freaban a sangría e chegaban ao descanso 2 tantos abaixo (14-12). Tralo descanso, o Carnes do Ribeiro veuse abaixo e o seu rival deulle a volta ao encontro e remataría levando o triunfo, a pesar de que os ribadavienses o tentaron ata o final, guiados por un Jacobo Rodríguez inconmensurable con 10 goles. Derrota e a pensar xa en Bueu, o vindeiro rival na loita pola permanencia.
Rugby
Eibar 34-26 Campus Ourense
Nova derrota dun Campus Ourense ao que se lle está facendo moi costa arriba esta segunda parte da tempada. Os ourensáns que chegaban cunha vantaxe de moitos puntos e coa terceira praza apuntalada, non conseguen sumar e caeron derrotados en terras vascas nun encontro no que volveron a competir, pero no que unha vez máis se viron superados por un rival moi superior e máis atinado a hora de transformar tantos. A pesar da derrota, os de David Monreal seguen terceiros con 5 puntos de vantaxe sobre o seu seguinte rival.
Voleibol
Cisneros Alter 3-0 CV Ourense Aceites Abril
Derrota do CV Ourense na súa visita o Cisneros, nun encontro que marcaba a loita pola segunda praza que da acceso ao playoff. As de Pablo Pérez víronse sorprendidas por un rival moi superior dende o comezo e que levaba o primeiro set por un amplio 25-14. Melloraron un pouco as ourensás no segundo set, pero non foi suficiente, xa que as canarias vencían por 25-18. No terceiro a piques estiveron as ourensás de levalo, pero caeron derrotadas pola mínima 25-23.
E tamén ... Fútbol