Salud

Os axentes ambientais e bombeiros forestais suman máis de 2200 desinfecións

Cando se cumpren catro semanas de colaboración contra a pandemia, levan entregado a maiores máis de 170 alfombras e 300 sprays desinfectantes para reforzar a protección de centros de saúde, residencias ou oficinas comarcais

Óscar Gómez

Ourense |

Desinfección por parte do personal da Xunta | Xunta de Galicia

Os axentes ambientais e bombeiros do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (Spdcif) de Galicia levan realizadas máis de 2.200 desinfeccións en centros de saúde e residencias de maiores e discapacitados, cando se cumpren catro semanas da súa colaboración para previr o contaxio do coronavirus.

En concreto, ata o pasado domingo efectuaron un total de 2.291 desinfeccións, das cales 418 rexistráronse en centros asistenciais da provincia da Coruña, 503 en instalacións de Lugo, 1.114 na provincia de Ourense e 256 na de Pontevedra.

En paralelo, o persoal do Spdcif entregou máis de 170 alfombras e 300 sprays desinfectantes para reforzar a protección de centros de saúde e residencias, pero tamén de oficinas comarcais, puntos de encontro e os propios distritos forestais. Deste xeito, esta semana non só continuarán coas desinfeccións e coa repartición de esteiras, senón que tamén tratarán de novo os felpudos e renovarán os pulverizadores xa entregados.

Desinfección por parte do personal da Xunta | Xunta de Galicia

As desinfeccións, que estes traballadores realizan de xeito totalmente voluntario, estanse a levar a cabo de forma recorrente en ata 200 municipios galegos con menos de 5.000 habitantes. Ademais de nos exteriores dos centros asistenciais, estase a actuar noutras áreas do rural especialmente sensibles, como as beirarrúas ou as zonas establecidas para a recollida do lixo.

Cómpre destacar que para realizar estes traballos adecuadamente, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección e desinfección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias establecidas ao respecto.

A maiores, cabe lembrar que todas estas funcións adicionais que realizan estes profesionais non impiden que desenvolvan a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar en todo o territorio galego