Datos Paro

Baixada do paro residual, alta temporalidade e redución do número de persoas afiliadas á Seguridade Social

CCOO considera que a falla de implicación dos distintos gobernos e administracións no cambio do modelo produtivo condenan á nosa provincia ao abandono

Óscar Gómez

Ourense |

pedro barreiros
pedro barreiros | onda cero

O trazo definitorio da contratación na nosa provincia é a elevada temporalidade. Cada vez con máis contratos a tempo parcial e cun predominio absoluto da contratación temporal (89%). No mes de novembro formalizáronse 2.297 contratos menos que en outubro, sendo o sector máis afectado o de servizos con 1.134 contratos por obra ou servizo e 1.907 contratos eventuais por circunstancias da produción. Por outra banda, a afiliación á Seguridade Social reduciuse en 577 persoas. CCOO cualifica de insostible un crecemento do emprego baseado na precariedade.

Pedro Barreiros González, secretario xeral de CCOO de Ourense, considera que a falla de implicación dos distintos gobernos e administracións (local, autonómica e central) nun cambio de modelo produtivo, atraendo inversións industriais (que estanse asentando en provincias limítrofes ou no norte de Portugal), que garantan a xeración de empregos estables, con salarios dignos e cun alto valor engadido, condenarán á nosa provincia ao abandono.

CCOO denuncia que as administracións non só non se implican nesta tarefa, senón que fan todo o contrario, desmantelando piares básicos. Asistimos como pouco e pouco desmantelan a sanidade pública, especialmente no rural; o Campus Universitario baleirase de contido en favor de Coruña ou Vigo; empresa con empregos de calidade, como Unitono, estiveron na picota por incumprimentos de Naturgy, que despois asinaría un contrato de suministro millonario coa Xunta de Galicia...

A xuízo de CCOO, os problemas evidentes da nosa provincia e que nos meten de cabeza na España baleirada son: a emigración xuvenil por falta de expectativas; a crise demográfica cun crecemento vexetativo negativo dende hai anos; o abandono do rural por falla de oportunidades e o deterioro galopante dos servizos públicos esenciais; e a falla de industria que podería paliar, en parte, estes problemas.

CCOO considera estes problemas como evidentes e coñecidos, pero seguen sen ter resposta por parte de gobernos e administracións e condenan á nosa provincia, como xa dixemos, ao abondono.