Baltar destaca na entrega dos premios “María Luz Morales” o apoio de Ourense ao audiovisual galego
O galardón, que promove e difunde a investigación científica neste sector, está organizado pola Academia Galega do Audiovisual e conta coa colaboración das catro deputacións galegas
O presidente da Deputación de Ourense salientou, no acto celebrado no centro cultural “Marcos Valcárcel” dentro da “Ourense ICC Week”, “o destacado compromiso do goberno provincial con este ámbito tan importante da creatividade, “como demostramos organizando en tempo récord a 23ª edición do Festival de Cine de Ourense, con éxito de público e crítica e no que seguimos a traballar para consolidalo como o festival do cinema de Galicia”.
Así mesmo, o presidente da Deputación recoñeceu o labor de Carlos Ares como presidente da Academia Galega do Audiovisual e salientou a importancia de cooperar entre administracións e tamén co sector privado. “O apoio ao audiovisual e aos novos creadores é clave para avanzar no progreso cultural dos pobos, porque sen cultura non hai país”, dixo Baltar, quen se referiu tamén ao respaldo da Deputación de Ourense a proxectos como a próxima produción audiovisual do cineasta ourensán Xavier Bermúdez ou o filme “Elisa e Marcela”, de Isabel Coixet, cuxos escenarios son a provincia de Ourense, un gran plató de cine”, expresou.
No acto de hoxe tamén participaron o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; o deputado de Cultura da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal; a representante do xurado dos III Premios “María Luz Morales”, Carme Nogueira; e os gañadores do certame. Carlos Ares destacou que nesta edición “foi na que se presentaron máis traballos, o que demostra a consolidación do premio e o pulo do sector audiovisual no noso país”.
O certame abrangue dúas modalidades: obras de investigación en formato de texto (ensaios escritos) e en formato audiovisual (videoensaios), e dúas categorías: unha do ámbito internacional e outra de ensaios relacionados co audiovisual galego. O premio, un por cada categoría, ten unha dotación de 1.200 euros, ao que se suma a publicación e difusión dos traballos por parte da Academia Galega do Audiovisual.
Nesta terceira edición, o Premio Ensaio Escrito sobre Audiovisual Galego foi para José Coira e o accésit Ensaio Escrito sobre Audiovisual Galego foi para Sara Donoso. O Premio Videoensaio sobre Audiovisual Galego recaeu en Sara Varela, mentres que o accesit Videoensaio sobre Audiovisual Galego foi para Irene Basanta. O Premio Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional foi para Xurxo González e o accésit desta categoría foi para Antón Varela. Por último, o premio Videoensaio sobre Audiovisual Internacional recaeu en Eire García e o accésit en Denisse Lozano.