Salud

O BNG exíxelle á Xunta que faga test covid a todos os bombeiros despois do primeiro positivo

Noa Presas lembra que é “un servizo esencial” que non se pode poñer en perigo a todo Ourense por “racanear” probas

Óscar Gómez

Ourense |

Noa Presas, parlamentaria do BNG | 20minutos.es

O BNG instou á Xunta de Galiza a que faga probas de covid ao persoal do parque de bombeiros de Ourense despois do primeiro caso de positivo. A formación nacionalista segue preocupada pola escasa plantilla que existe no servizo así como critica a inacción do cogoberno municipal de non ter en conta que é un servizo esencial para a cidadanía nestes momentos.

A membro da Executiva Nacional do BNG, Noa Presas, mostrou a súa preocupación pola situación que atravesa o parque de bombeiros de Ourense. “Instamos á Xunta de Galiza a que xa, a partir de hoxe, comecen a facer probas de covid a todo o persoal do parque de bombeiros.

Despois do primeiro positivo esta fin de semana, non podemos permitir que máis traballadoras e traballadores deste servizo non teña unha proba” asegurou Presas. Para a organización nacionalista é imprescindíbel que se faga a proba a todo o cadro de persoal comezando por dar prioridade a aqueles que traballaron dentro da mesma quenda mais estendéndoo á totalidade porque comparten espazo de traballo, material e mesmo vehículo.

Desde a organización nacionalista é inadmisible que se deixara pasar toda a fin de semana sen facer as probas de diagnose pois “é posible que haxa positivos sen síntomas e que se poñan en perigo a garantía dun servizo esencial que require dunha formación moi específica”. Presas continuou afirmando que Ourense non pode permitirse un contaxio masivo de covid e nun corpo tan necesario coma o de bombeiros que “leva anos manifestándose e denunciando a falta de persoal”.

Mutis desde o goberno do Concello de Ourense

Desde a agrupación municipal, o voceiro do BNG criticou a inactividade do cogoberno municipal ante o acontecido. “O importante agora é superar a crise sanitaria da maneira máis efectiva” sinalou mentres apuntaba que PP-DO so se estaban a preocupar de cuestións accesorias e de saír nos medios cunha nova ocorrencia. “O alcalde e a equipa de goberno deberían estar exixíndolle á Xunta, desde o minuto un, probas a todo o cadro de persoal de bombeiros” asegurou Seara.

Por outra banda, o voceiro municipal recalcou a pasividade do cogoberno municipal fronte a crise sanitaria afirmando que aínda non se convocou unha xunta de portavoces para facer un seguimento exhaustivo da situación así como recibir as achegas da oposición como a que agora o BNG está a formular e é de “máxima urxencia”