Ourense Cidade

O BNG solicita que se axilice a licenza da instalación da fibra óptica nas zonas do rural

A formación nacionalista apoia as demandas da veciñanza de Seixalbo para superar a fenda dixital existente no perímetro rural do municipio, mentras o concello aclara que a demora non é responsabilidade municipal, senón da empresa que debe facer as obras.

Óscar Gómez

Ourense |

Nucleo rural de Seixalbo | La Region

O BNG mostrou o apoio á solicitude presentada polas veciñas de Seixalbo a prol dunha mellor conexión de internet coa instalación da fibra óptica na vila. Asemade, a formación nacionalista solicitoulle ao cogoberno municipal que se dirixa ás operadoras para que fagan un plan de desenvolvemento no resto de parroquias do rural ourensá.

A crise sanitaria, pero tamén social e económica, provocada pola pandemia do coronavirus puxo de manifesto o imprescindible papel que teñen as tecnoloxías da información na actualidade. Mentres que o mundo presencial se para, o dixital dinamízase e debería permitir, polo menos para unha gran parte de cidadáns e empresas, vivan onde vivan, poidan seguir desempeñando o seu traballo con eficacia, comunicarse con outras persoas, ou adquirir bens e servizos, entre outros. Os cambios provocados van obrigar ás empresas, públicas e privadas, a abordar aspectos como relacionarse coa administración, como facilitar o teletraballo aos seus empregados e empregadas; como vai ser a adaptación dun sector crave como o educativo á nova forma de ensinar, virtual e a distancia, e isto so se pode garantir cunha cobertura ampla e de calidade.

Por desgraza, a realidade en Ourense dista moito de ser moderadamente optimista en canto á implantación da alta velocidade da internet. A pesares de que a deputación fala, con insistencia, de provincia intelixente, o obxectivo de levar internet ao rural, proxecto polo que no seu día recibiu 2,5 millóns de euros, resultou un rotundo fracaso. Estamos, aínda, moi lonxe do obxectivo marcado pola Axenda Dixital 2020 de Europa, que esixe dispoñer de cobertura de máis de 30 megas para o 100% da cidadanía e que, polo menos , o 50% dos fogares teña contratadas velocidades superiores a 100 megas.

Os datos de accesibilidade a internet de calidade mantén a Ourense nos últimos postos do Estado Español, nunha sorte de "apartheid tecnolóxico" . Os datos son demoledores e non deixan lugar a dúbida: máis de 1 de cada 3 fogares non pode aínda acceder ás velocidades que en 2020 deberían estar dispoñibles, de acordo aos criterios marcados pola Unión Europea. Por iso, resulta acaída a demanda das veciñas e veciños de Seixalbo, máis tamén a necesidade de que o concello sexa un elemento pro activo na procura dunha rede que permita acometer os retos futuros, en todas as parroquias do rural do noso concello.

O Concello comprométese cos veciños de Seixalbo a axilizar o trámite administrativo da fibra óptica

O goberno municipal asume o compromiso cos veciños de Seixalbo de axilizar o trámite final para proceder á colocación de fibra óptica nese núcleo etnográfico do municipio, pero deixando claro a concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, que a demora en todo o proceso “non é responsabilidade do goberno municipal, senón da empresa que debería levar a cabo os traballos correspondentes, contando para iso coas necesarias licenzas”.

Sonia Ogando trasladoulle ao presidente da asociación de veciños que a importante demora non é imputable ao Concello senón á empresa que debería proceder á instalación, neste caso Telefónica. Para indicar que está pendente dun informe xurídico, e logo tomar a decisión correspondente na Xunta de Goberno Local.

Dito o cal, e despois de que Xosé Carballido recoñecese que a actuación da Concellería de Urbanismo “foi impecable con nós”, Sonia Ogando lamentaba que por parte da empresa encargada da colocación da fibra óptica “se puxesen trabas, ata o punto de que fose un técnico municipal o que rematase o proxecto que se requirira”, para dese xeito poder contar coas necesarias licenzas e actuar nese núcleo etnográfico.

Para a concelleira de Urbanismo, “non se ten dúbida de que se trata de que é un servizo importante, sobre todo nestes momentos debido á situación de alarma” para poder desenvolver actividades de teletraballo, asi coma o relativo aos colexios e a educación en liña dos escolares, mais deixa claro que “non é xusto botarlle a culpa ao Concello cando non a ten, e iso débeno saber os veciños”.