Datos EPA

CCOO considera que os datos da EPA volven a ser malos para Ourense

O incremento da taxa de paro en 1,8 puntos porcentuais, volve a darnos a razón a CCOO cando, se considere que teñamos saído da crise, a gran recuperación económica non amosa os seus efectos no mercado laboral provincia

Óscar Gómez

Ourense |

pedro barreiros | onda cero

Os números en Ourense non amosan ningún cambio de tendencia no mercado laboral provincial, máis ben ao contrario demostran unha situación cada vez máis crítica. O emprego caracterízase por unha elevada precariedade e unha rotación «insoportable» que lles impide as persoas ourensás desenvolveren proxectos de vida. Velaquí o resultado da teima do Goberno galego por un modelo produtivo fracasado, baseado en actividades de baixo valor engadido. Esta situación unida a alta taxa de desemprego, sitúan o mercado de traballo provincial nunha tesitura escasamente optimista. Ourense non ofrece ningún futuro a cidadanía, especialmente as persoas mozas que seguen tendo que emigrar. De feito os indicadores apuntan a que a provincia perde brutalmente poboación, ano tras ano, de maneira preocupante. CCOO coida que os anos de aplicación de políticas de austeridade e reformas estruturais axudaron a tornar “crónica” a precariedade do emprego no noso mercado laboral. A precariedade laboral, ademais, conduce a unha vida precaria e menoscaba a dignidade das persoas, ao tempo que salienta que a precariedade trouxo consigo o fenómeno da pobreza laboral: traballar e ser pobre. Ourense caracterízase a maiores por ser a provincia cos ingresos máis baixos, tanto nos salarios como nas pensións, das que dependen moitas familias. En definitiva, o traballo precario, o paro segue sendo desorbitado, sobre todo o de longa duración. Ao tempo, a protección por desemprego que cada vez cobre a menos xente e causa estragos en moitos fogares ourensás e galegos. CCOO fai un chamamento á cidadanía, en xeral, e a toda a clase traballadora, en particular a que participen masivamente nas votacións das eleccións xerais do próximo 28 de abril para indicarlle ao goberno que resulte conformado a que recupere o papel prioritario do sector público na economía, que aposte por un modelo produtivo industrial e de servizos de alto valor engadido e poña prioridade nas políticas de emprego e protección social ao servizo das persoas. Por iso tamén, neste ano, CCOO chama a toda a cidadanía a participar na manifestación do Día do Traballo para enchermos as rúas e conseguir que este Primeiro de Maio próximo sexa unha xornada de reivindicación social e en defensa dos dereitos da clase traballadora, para loitar contra a precariedade e as desigualdades, a favor do emprego de calidade, e para dicirlle ao Goberno que saia das furnas o 28A que aborde con urxencia unha axenda social na que a prioridade sexan as persoas