Comercio

Os comerciantes ourensáns poñen en marcha a edición de outono dos “Días Azuis"

A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, destaca a importancia do comercio de proximidade

Óscar Gómez

Ourense |

dias azuis no comercio ourensano | ceo

A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez Valcárcel, acompañada do titular da Federación Galega de Comercio, José María Seijas e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, xunto con Mateo Alonso, do departamento institucional de ABANCA, presentou esta mañá en Ourense a cuarta edición da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”.

Trátase da edición de outono desta iniciativa, trala celebrada con gran éxito no mes de maio. Deste xeito, os organizadores queren potenciar o fomento, estímulo e impulso do comercio de proximidade de Galicia, así como reforzar a posta en valor do importante papel económico e social do sector na Comunidade Autónoma e na provincia de Ourense.

A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, salientou a consolidación da iniciativa dos “Días Azuis” como axente promocionador do comercio de proximidade, así como o seu papel de sensibilización dos consumidores. Ademáis d eagradecer o respaldo de Abanca, Gómez Valcárcel deu conta das accións previstas na presente campaña.

En palabras da presidenta dos comerciantes, a edición de outono de Días Azuis do Comercio Galego deste ano desenrolarase dende mañá, martes, 1 de outubro, e ata o 20 de outubro, coa colaboración dos establecementos das asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de Ourense. Durante estas datas, os clientes que merquen nos establecementos minoristas da provincia poden entrar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago regalo, de 300 e de 150 euros. Participar é tan simple como rexistrar a compra na páxina da campaña www.diasazuis.com ou solicitar ó comerciante que faga o rexistro.

Será un outono azul nos establecementos, rúas, vilas e capital de Ourense. O elemento máis significativo da campaña, un círculo azul grande, e outros elementos corporativos

da mesma, locen xa nos comercios ourensáns. Ademáis, prevese novamente un forte impacto nas redes sociais, a través do hastag #díasazuis.

A campaña “Días Azuis do comercio galego” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Conta coa colaboración de ABANCA, entidade que aporta os premios; así como neste caso, da Federación de Comercio de Ourense e das asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda a provincia.

Na presentación da campaña, o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, suliñou o crecente éxito e importancia desta campaña, cada vez máis demandada polas asociacións, comerciantes e consumidores. Tamén o impulso que está a dar á dixitalización e promoción do sector. Marcouse como reto superar os preto de 19.500 tickets de compra rexistrados na provincia na edición de maio e remarcou a forza da colaboración entre as entidades organizadoras, que fixo posible este ano unha segunda edición da campaña, así como outras moitas actividades que se realizan en pro da dinamización do sector.