O Concello está a combater a praga do 'picudo vermello'
O tratamento está a producirse dende o pasado mes de novembro, cando se constatou que dúas plantas de As Burgas estaban afectadas por este insecto que ameaza a esta especie arbórea en toda España
O Concello de Ourense está a combater a praga do picudo vermello nas palmeiras (Phoenix Canariensis) situadas na contorna das Burgas, tras constatar que se atopan afectadas por este insecto no seguimento e control exhaustivo sobre o seu estado de saúde. De forma periódica, dende o último trimestre de 2018, estase a realizar un seguimento sobre o estado das árbores desta contorna.
Nas análises efectuadas no mes de outubro pola concesionaria do servizo de Mantemento e Mellora das Zonas Verdes Públicas do Concello de Ourense, Valoriza Medioambiente, constatouse un empeoramento no estado das palmeiras. Así, os informes apuntaron á existencia dun exemplar gravemente afectado pola praga, o que provocou a perda total do crecemento do brote superior e a caída de gran volume de follas, así coma a aparición de síntomas nunha segunda planta.
A raíz desta situación, procedeuse a realizar de xeito inmediato un tratamento de choque mediante endoterapia, coa fin de evitar que o picudo vermello se estenda a todas as árbores. O tratamento, iniciado en novembro, consiste en inxectar no tronco unha substancia nutritiva ou, neste caso, fitosanitaria, para atacar a invasión deste insecto dende dentro das árbores.
Así, están a colocarse entre dous ou tres dispositivos de endoterapia por palmeira, que achegarán unha revitalización e unha activación das defensas da planta. A través desta vía introdúcese nas plantas o tratamento que se está a seguir en toda España para facerlle fronte a esta praga.
A inxección do fitosanitario a baixa presión no tronco estase a repetir nos prazos recomendados: cada catro meses. Este é o tratamento máis habitual que se está seguindo en toda España, onde a praga do picudo vermello está a poñer en perigo as pobacións de palmeiras en puntos como Elche ou Canarias.