O Concello ultima a convocatoria dunha serie de cursos para 180 persoas desempregadas, a través do proxecto “Ourense Activa”, programa cofinanciado en colaboración co Fondo Social Europeo e destinado a promover o emprego entre persoas menores de 30 anos da nosa cidade. Así o informou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que confirmou que se aprobou a adxudicación do servizo encargado de impartir a formación teórica e transversal dun conxunto de itinerarios formativos, que serán presentados proximamente.
Na Xunta de Goberno deste xoves aprobáronse un total de 23 asuntos. Entre eles o rexedor Jesús Vázquez destacou “importantes asuntos en materia de contratación” coma o servizo de vixilancia, atención e control do recinto termal das Burgas, por unha anualidade e por un importe de 31.711 euros. “Tamén aprobamos o expediente para a contratación do subministro de Internet durante os vindeiros dous anos para La Molinera, por un importe total de 18.600 euros”, explicou o rexedor.