O Concello de Ourense vén de incorporar dous axentes ao cadro de persoal da Policía Local, e ten prevista a chegada doutros nove axentes neste ano, logo de que realicen e superen o curso correspondente na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
Dous novos axentes se incorporaron este martes, 5 de febreiro, a plantilla logo de solicitar a mobilidade do seu posto de traballo anterior, a través das dúas prazas ofrecidas nas convocatorias de Oferta Pública de Emprego (OPE) dos anos 2013 e 2014.
As outras nove persoas, seleccionadas nas OPE de 2013 e 2014, deberán superar un curso da Agasp para incorporarse ao cadro de persoal. Está previsto que as clases se inicien no mes de marzo e que teñan unha duración de seis meses, co que os alumnos que superen a formación poderían incorporarse a finais do verán.
“Con estes once axentes damos un novo paso adiante no noso obxectivo por cubrir a necesidade de prazas na Policía Local e porque os ourensáns reciban o servizo e atención que merecen”, sinala a concelleira de Persoal, Flora Moure.
Neste sentido, vai 15 días o Concello e a Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración para descentralizar o proceso de selección e a formación dos axentes da Policía Local.