O Concello de Ourense ofrece obradoiros gratuítos para público infantil e adulto no parque de Montealegre
Todas as actividades, as primeiras esta mesma fin de semana, son gratuítas. Preinscrición no espazo web botanicodemontealegre.com.
O Concello de Ourense presentou as actividades do Parque Botánico de Montealegre para o primeiro trimestre do ano, unha oferta que comeza esta mesma fin de semana cos obradoiro de Compostaxe na casa (sábado 23 ás 16:00 horas dirixido ao público adulto) e Papiroflexia de animais (domingo 24 ás 11:00 horas, para público infantil). Todas as actividades son gratuítas, pero é preciso anotarse no espazo webbotanicodemontealegre.com.
“Cremos moito neste espazo, porque é un pulmón verde para a cidade de Ourense e un fantástico espazo de lecer, e do que teríamos envexa sá se estivese en calquera outro concello”, apuntaba Ana F. Morenza, concelleira de Medio Ambiente, “e cremos moito no que estas actividades poden darnos: Achegarlles aos ourensáns o seu medio máis próximo e, ao tempo, fomentar os hábitos de vida saudables e o lecer en familia”, dixo.
Co gallo de darlle vida ao Parque, un espazo de máis de 160.000 m2 -dos que 69.000 m2 son axardinados e máis de 64.000 m2 están aínda dispoñibles para seguir ampliando recursos-, a empresa concesionaria desenvolve os obradoiros dirixidos a dous públicos moi concretos: infantil e adulto. As actividades para o público infantil serán os domingos ás 11:00 da mañá, e as actividades para o público adulto, os sábados pola tarde.
Érica Taboada, representate de Xesmega, concesionaria da xestión do parque de Montealegre, lembraba que a preinscrición é “imprescindible”, xa que o aforo é limitado a 30 prazas, no caso das actividades de adultos, e de 15, no caso das infantís.
As actividades, en orde cronolóxica, son as que seguen:
Obradoiro de compostaxe na casa
[Público adulto] Sábado 23 de febreiro ás 16:00 horas.
A compostaxe presentase como unha alternativa e unha solución ao problema dos residuos. O lixo procedente da nosa vida diaria vai parar a vertedoiros e incineradoras. Case a metade destes residuos son restos orgánicos, dos que un 40 - 50% poderían volver ter un valor útil como abono para plantas, mediante métodos ecolóxicos como a compostaxe. De esta forma contribuiremos a reducir a contaminación e os gastos económicos que supoñen os procesos de destrución de residuos e deste xeito poñer fin ao desaproveitamento de recursos. É importante que os cidadáns coñezan como poden compostar nas súas casas e o xeito adecuado de facelo, para que se poida xerar un cambio no tratamento de residuos actual.
Obradoiro de Papiroflexia de animais
[Infantil] Domingo 24 de febreiro ás 11:00 horas. +5 anos.
A papiroflexia é unha arte de orixe xaponés coñecida como origami na que se utilizan follas de papel para modelar diferentes figuras. Esta actividade mantén activa a intelixencia dos cativos ademais de axudar a desenrolar a súa memoria e concentración.
Neste obradoiro ensinarase os cativos a realizar varias figuras de animais con papel, explicando como se fan paso a paso. A actividade será amenizada con comentarios sobre animais modelados: características, hábitat, etc.
Entroido: Caretas de animais
[Infantil] Domingo 3 de marzo ás 11:00 horas. +3 anos.
O Entroido é unha das festas máis emblemáticas da nosa rexión, nela os cativos poden caracterizarse de personaxes e aprender deles á vez que se divirten. É unha boa ocasión para inculcar valores de respecto aos animais mediante a presentación deses animais e a posibilidade de “converterse” nun deles durante un período de tempo.
Obradoiro de Plantas invasoras de Galicia
[Público adulto] Sábado 23 de marzo ás 16:00 horas.
As especies invasoras tanto de flora como de fauna provocan grandes perdas económicas, así como impactos ecolóxicos e paisaxísticos graves. A introdución de especies invasoras é considerada a segunda causa de perda de biodiversidade a nivel mundial segundo datos da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza).
Día da Auga: Experimenta coa Auga
[Infantil] Domingo 24 de marzo ás 11:00 horas. De 6 a 10 anos
Por mor do día da auga, o cal se celebra o 22 de marzo, neste obradoiro tratarase de poñer en valor A Auga, esencial para a vida.
Darase información acerca da auga e para facer máis interesante a actividade, os cativos poderán realizar algúns experimentos, e deste xeito aprender sobre o ciclo da auga e outros fenómenos da natureza.
Día da árbore: Coñece as árbores do Parque
[Infantil] Domingo 31 de marzo ás 11:00 horas. +7 anos.
Por mor do día da árbore que se celebra o 21 de marzo, preténdese achegar aos cativos o coñecemento sobre as árbores do parque. Tanto as plantas como as árbores son moi importantes para os seres vivos xa que sen o osíxeno que expulsan as súas follas, a vida na terra sería moi distinta.