Ourense Cidade

O Concello de Ourense participará en INTUR 2019 para promoción turística da cidade

O Concello acudirá con expositor propio e realizará unha presentación de destino ante profesionais

Óscar Gómez

Ourense |

Ayuntamiento de Ourense | EFE

Un ano máis a Concellería de Turismo e Termalismo volverá estar presente en INTUR, a gran feira do turismo de interior que se celebrará do 21 ao 24 de novembro no recinto feiral de Valladolid. O Concello repite presenza nun evento que considera estratéxico nos labores de promoción, ao permitir establecer contacto directo cun dos principais mercados emisores do turismo na cidade, o que provén de Castela e León e Madrid.

O Concello contará cun expositor propio situado no Pavillón 2 do recinto para dar a coñecer a oferta e recursos turísticos de Ourense e participará tamén no mercado de contratación INTUR Negocios, ao que cada ano acoden compradores nacionais e internacionais especializados no turismo de interior. Ademais, está prevista unha presentación de destino ante profesionais dentro do espazo “Corner de Experiencias Singulares” a cargo da concelleira delegada de área, Flora Moure Iglesias, que acudirá a feira acompañada por técnicos municipais. A presentación está programada para o xoves 21 de novembro ás 12.00 h e será coa que se inaugure o corner na feira.

Posicionaremos a cidade de Ourense como destino de referencia dentro do Turismo de Interior, sendo como é Ourense unha urbe rica en Cultura, Patrimonio, Gastronomía e Termalismo, que é o noso gran sinal de identidade diferenciador”, sinala a concelleira de Turismo, Flora Moure.

A Concellería de Turismo do Concello de Ourense continúa reforzando a presenza de Ourense nas principais citas do sector, contribuíndo de forma sostida á súa promoción e divulgación como destino.