Un ano máis, a Concellería de Turismo e Termalismo estivo presente en INTUR, a gran feira do turismo de interior que se celebrará ata o 24 de novembro no recinto feiral de Valladolid. O Concello repite presenza nun evento que considera estratéxico nos labores de promoción, ao permitir establecer contacto directo cun dos principais mercados emisores do turismo na cidade, o que provén de Castela e León e Madrid.
A Concellería de Turismo e Termalismo acudiu con expositor propio e realizou unha presentación de destino ante profesionais na que se puxo de manifesto o atractivo termal da cidade, así como a súa ampla oferta cultural, patrimonial, gastronómica e comercial. Deste xeito, o Concello de Ourense posiciona á cidade como destino turístico de interior singular no marco da feira INTUR 2019 que se celebra en Valladolid.
“A Feira de Turismo de Interior INTUR é un escaparate perfecto para amosar aos profesionais do sector que Ourense é un destino único onde o Termalismo, o Patrimonio, a Gastronomía e o Comercio de calidade son atractivos que fan da nosa cidade o lugar perfecto para os turistas que buscan una experiencia singular e inesquecible”, sinalou a concelleira de Turismo, Flora Moure.
A Concellería de Turismo do Concello de Ourense continúa así reforzando a presenza de Ourense nas principais citas do sector, contribuíndo de forma sostida á súa promoción e divulgación como destino turístico.