Ourense Cidade

O Concello de Ourense recupera a Praza de San Marcial

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, sinala que a colocación das árbores “devolverálle vida a un espazo verde que estaba moi degradado polo envellecemento das súas especies vexetais, e permitiranos volver gozar dunha marabillosa arboreda no corazón da nosa cidade"

ondacero.es

Ourense |

Recuperación praza San Marcial | onda cero

O Concello de Ourense plantará 16 novas árbores na Praza de San Marcial, nunha actuación que pon fin ao proceso de recuperación das especies vexetais deste entorno urbano. A concellería de Medio Ambiente instalará 12 carballos (querqus robur) e catro pereiras ornamentais (pyrus calleryana), tras o estudo técnico realizado pola empresa Valoriza Servicios Mediambientais, que recomendou a substitución da masa arbórea actual polo seu estado de saúde e por considerar que non son as máis idóneas para esta contorna. A intervención, que inclúe a retirada das árbores actuais, a recuperación do terreo, e a plantación das novas especies arbóreas, terá un custo total de 15.000 euros.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, sinala que a colocación das árbores “devolverálle vida a un espazo verde que estaba moi degradado polo envellecemento das súas especies vexetais, e permitiranos volver gozar dunha marabillosa arboreda no corazón da nosa cidade, con especies autóctonas coma o carballo, dunha gran beleza visual e cuxo crecemento non terá consecuencias negativas sobre a contorna ou o mobiliario urbano”.

O rexedor confirma que esta plantación “da resposta á preocupación deste Concello por devolverlle a saúde aos nosos parques e xardíns, e porque se convertan en puntos de encontro da nosa cidadanía, pero tamén para as persoas que visitan a nosa cidade”.

As especies foron escollidas tras un estudo encargado polo Concello e realizado pola empresa Valoriza. Para a súa elección apostouse porque non tivesen un crecemento excesivo que afectase ao levantamento do firme e a ocultación das fachadas. Pero tamén se escolleron pola súa especial adaptación á climatoloxía da nosa cidade, en especial a seca e as temperaturas extremas no inverno e no verán.

A proposta tamén fixo fincapé en que as especies escollidas tiveran tolerancia ás podas; un porte non excesivo, que permita ver as construcións que enmarcan a praza; así como polo seu valor estético, con coloracións outonais e que ofrezan aspecto diferente da Praza de San Marcial segundo a estación do ano.

As novas plantas substituirán ás árbores que quedan hoxe en día na Praza de San Marcial: catro plataneiros (Platanus hybrida) e dous arces (Hacer saccharinum), seguindo as recomendacións do estudo técnico previo que recomenda o seu traslado por non ser idóneas para este espazo.

O estudo constatou que estas seis árbores atópanse “nun proceso avanzado de perda de calidade” e recomendou a súa retirada e transplante ao viveiro municipal, no caso que sexa posible, para recuperalos das súas enfermidades

e transplantalos a outros espazos verdes máis axeitados as súas necesidades de crecemento.

O informe tamén constatou a presenza de chancros e podredumes nos plataneiros orixinados polas podas e desmoches, mentres que nos arces se constatou un crecemento asimétrico pola proximidade das árbores máis vellas.

Na Praza de San Marcial existen 12 alcorques, dos que na actualidade somentes conteñen árbores a metade. Nos últimos anos varios plataneiros tiveron que ser retirados polo seu envellecemento e mala saúde, e ante a posibilidade de que supuxesen un perigo para os usuarios da praza. De feito chegaron a desprenderse varias pólas sen que se producisen danos persoais ou materiais