O Concello de Pereiro de Aguir queda fora do BIC da Ribeira Sacra
O Psoe denuncia que o PP non presentou alegacións durante a tramitación, e destacan a inoperancia de Manuel Doval e a vergoñenta actitude do novo candidato, Luis Menor, presumindo dun BIC que ignorou
O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar denuncia que este municipio ourensá quedou fóra do expediente de declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC), por culpa da lamentable inoperancia do goberno local do PP, a pesar de ser un municipio con importantes elementos patrimoniais, tanto naturais como arquitectónicos, que poderían estar dentro desta singular cualificación, que é un paso previo para ser declarados Patrimonio da Humanidade. Así pois, bens catalogados tradicionalmente dentro da Ribeira Sacra como a igrexa e casa reitoral de Covas ou a igrexa barroca de Santa María de Melias quedaron ó marxe. A mesma sorte correron os Pazos de Bouza e Casdemiro, lugar de nacemento de Benito Jerónimo Feijoo, o 'Padre Feijóo'.
O grupo municipal socialista denuncia que “os populares non presentaron nin unha soa alegación durante os anos de tramitación do expediente”, e destaca que “están a descoidar o noso patrimonio máis singular por culpa de súa descomunal preguiza, da súa inoperante xestión do concello, e porque parece haber intereses escuros en que Pereiro quedarse apartado deste singular recoñecemento”. “Alcaldes de concellos da nosa contorna si presentaron alegacións logrando ser incluídos no BIC”, recordan antes de lembrar que esta protección supón atraer máis turismo e, polo tanto, unha mellora importante na economía da zona, ademais de garantir a conservación do patrimonio.
Tamén critican a actitude do novo candidato do PP á alcaldía deste concello, Luis Menor, que presumiu e alardeou nos medios de comunicación e nas redes sociais do BIC da Ribeira Sacra, a pesar de que Pereiro quedou fóra de todo. “Estamos fartos de escoitar e sufrir estes anuncios propagandísticos do PP e Luis Menor parece que quere facer méritos para ser o campión da demagoxia, porque é cómplice do disparate que cometeron os seus compañeiros do concello ó presumir dun BIC que ignorou por completo”, denuncian.
Os socialistas recordan que Alberto Núñez Feijóo, Manuel Baltar e o PP galego en xeral deberían “agachar a cabeza e evitar calquera autoloubanza”, posto que este expediente de declaración BIC acumulou case tres anos de atraso na administración autonómica, e o expediente para o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade leva estancado 18 anos nos caixóns, sendo a entrada máis antiga da listaxe española indicativa de bens e sitios excepcionais propostos para ser declarados pola Unesco. Ante estes atrasos salientan que o PP de Pereiro “tivo tempo dabondo para traballar e loitar polos intereses do municipio durante este longo proceso administrativo, pero o seu interese por defender ó noso concello foi nulo e os resultados son evidentes”.
Os socialistas cuestionan especialmente a vergoñenta inoperancia do deputado provincial e tenente de alcalde de Pereiro desde 1991, Manuel Doval. “É lamentable ver como Doval quedou de brazos cruzados, a pesar de ser tamén deputado delegado da área de cultura na Deputación de Ourense e presidente do PP de Pereiro, pero tamén presidente da Mancomunidade Ribeira Sacra durante sete anos, un cargo polo que cobrou un sobresoldo”. O PSdeG-PSOE de Pereiro destaca que esta desfeita “suporá, tamén por culpa de Doval e seus compañeiros de partido, unha importante e irrecuperable perda para o impulso e desenvolvemento da nosa economía e turismo a pesar de que o concello leva anos financiando e integrando esta mancomunidade”.