crisis coronavirus

Conde destaca o sector alimentario galego nesta pandemia

A Xunta proporcionoulles a semana pasada 122.000 máscaras para que poidan desenvolver o seu traballo con estes elementos de protección

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 20.04.2020 12:55 )

Francisco Conde, no seo despacho | xunta de galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, agradeceu a “resposta imprescindible” e o servizo que está dando o sector alimentario e todos os seus traballadores ao conxunto dos galegos atendendo as necesidades de aprovisionamento.

Conde mantivo esta mañá un encontro con representantes do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) cos que avaliou as necesidades de presente e futuro do sector. Sinalou que o momento actual está marcado, por un lado, pola necesidade de equipos de protección, apuntando que a semana pasada a Xunta lles proporcionou ás pemes e autónomos deste ámbito 122.000 máscaras que están permitindo “que poidan desenvolver o seu traballo con eses elementos de protección”.

Por outro lado, lembrou a necesidade que teñen estas empresas para afrontar os seus pagamentos e gastos, entre outros aspectos pola caída da actividade a través do descenso da demanda da hostelería e a restauración. Neste sentido, informou de que a Xunta recibiu, a través da liña de financiamento impulsada polo Igape, solicitudes para préstamos por máis de 6 millóns de euros para dar resposta ás necesidades financeiras que teñen as compañías alimentarias.

De cara a futuro, Conde apuntou que se están identificando cales son os pasos que hai que dar para planificar a reactivación económica, sinalando que no sector alimentario hai importantes retos centrados sobre todo na innovación, para desenvolver novos produtos, e no acceso a novos mercados, tanto a través de novas fórmulas de comercialización, como pode ser o comercio en liña, como a través da internacionalización, apuntando que a innovación é tamén clave para esta expansión internacional.

O sector alimentario galego, que abrangue unhas 2.500 empresas, xera un valor engadido bruto (VAB) de 4.000 millóns de euros, é dicir, o 7,6% da economía galega; supón o 6,5% do emprego total; e o 21% do VAB industrial de Galicia, 6 puntos máis que hai unha década.