Emprego

Conde informa o alcalde de Monterrei dos apoios para impulsar o emprego local

Monterrei conta co distintivo de Concello Emprendedor, o que lle permite ter prioridade en distintas convocatorias

Óscar Gómez

Ourense |

Reunión de Conde co Alcade de Monterrei | xunta de galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, no que se avaliaron diferentes vías de colaboración para dinamizar a economía e o emprego do municipio ourensán. Así, o conselleiro informou ao rexedor dos diferentes programas de apoio do seu departamento destinados á cooperación coas entidades municipais e abertos á presentación de solicitudes nestes momentos.

A Xunta ten aberto o prazo de tres programas que suman 16 millóns de euros e que permitirán que os concellos galegos poidan contratar, este ano, a máis de 1800 persoas desempregadas. En concreto, trátase das convocatorias correspondentes a persoas receptoras da Risga, Aprol Rural e persoas desempregadas para o desenvolvemento de obras e servizos de interese xeral e social.

Os concellos tamén poden optar ás axudas para a posta en marcha de obradoiros duais de emprego, que suman 23,2 millóns de euros, ao novo programa para a formación e contratación de menores de 30 anos, dotado con 7 millóns de euros, ademais das axudas para a contratación de orientadores laborais, entre outros.

Monterrei pertence á rede de Concellos Emprendedores, o que lle permite aos municipios ter prioridade en programas de axudas vinculadas ao emprego e a formación, á dinamización comercial ou á eficiencia enerxética. A cambio, os concellos comprométense a rebaixas nos impostos locais de ata o 95% e a ofrecer máis facilidades no eido da tramitación administrativa para favorecer a captación de novas empresas e novos investimentos no municipio.