Cooperación

A Deputación de Ourense colabora no irmanamento de Monterrei e a cidade mexicana de Monterrey

O espectáculo multidisciplinar “Juraron volver las rosas” celebrará a súa primeira edición en xullo de 2023 no castelo de Monterrei

Óscar Gómez

Ourense | 25.04.2022 09:22

A Deputación de Ourense colabora no irmanamento de Monterrei e a cidade mexicana de Monterrey
A Deputación de Ourense colabora no irmanamento de Monterrei e a cidade mexicana de Monterrey | onda cero

A Deputación de Ourense colaborará no proxecto “Juraron volver las rosas”, creado e dirixido polo artista verinense Antonino Nieto Rodríguez co obxectivo de afondar no irmandamento de Monterrei e a cidade mexicana de Monterrey. Un obxectivo de comuñón exposto a través dunha “enorme celebración da vida, do amor, do mellor que albergamos en nós mesmos”, segundo explica o propio poeta, que sitúa a “arte e a creación” como “o fío condutor desta nova tradición” con epicentro no castelo de Monterrei e que celebraría a súa primeira edición o penúltimo fin de semana de xullo de 2023.

Este espectáculo, “ritual e poético”, nace “con vocación de nova tradición anual ou bianual”, sinala Antonino Nieto, que reuniuse esta semana no Pazo Provincial con Manuel Baltar nun encontro no que tamén estivo presente o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e Juan Manuel Jiménez Morán. A programación de “Juraron volver las rosas” abarcará tres días, con “grandes artistas internacionais dando corpo e alma a este reencontro con vocación de feliz celebración” para situar a Monterrei como “berce e luz do novo e o imperecedoiro”.

Variada programación

O deseño da programación ten un pe en Ourense e outro en México, para profundar nos lazos históricos entre Monterrei e Monterrey -o fundador desta cidade mexicana, Diego de Montemayor, nomeouna deste xeito en lembranza do ourensán Gaspar de Zúñiga, V conde de Monterrei-. Deste xeito, a dobre motivación de Antonino Nieto para este festival, como creador e director, abarca unha feira de produtos, humoristas, gastronomía, danza… sempre mirando á vez a Galicia e a México.

Unha aposta pola arte

O festival multidisciplinar ten, ademais da mestizaxe, unha aposta polo multidisciplinar. O fin de semana do evento quedaría dividido en tres xornadas/partes -“De lo invisible, la luz”, “De la respiración, el alma” e Nada cuesta celebrar a vida”-. Poesía, espectáculo, maxia, danza, teatro, cine, música, ópera, fogos artificiais, fotografría, moda… Antonino Nieto concibe “Juraron volver las rosas” coma unha gran celebración cultural, na que habería espazo para o “estreo mundial dunha coreografía nun extraordinario espectáculo a partir de grandes obras da lírica -en 2023 sería ‘Carmina Burana”, o estreo dun poema sinfónico a partir dun autor galego -en 2023 sería o cántico “Juraron volver las rosas”- ou o festival Clónicos Descapotables, deseñado para detectar novos valores do jazz, cantareiras ou a canción de autor. Todo a través do simbolismo -como un gran corazón ou os “cicerones” do festival, personaxes que responden á chamada de “Nacidos contra la muerte”- e as metáforas, reflexionando acerca de conceptos como o paso do tempo, a morte e, sobre todo, a celebración da vida.

Poeta, creador de espectáculos e videoinstalacións

O artista Antonino Nieto Rodríguez (Verín, 1955) ten unha longa traxectoria na literatura, con poemarios publicados como “Dibujas ausente”, “La voz del escorpión” ou “Toda la carne y el infinito”. Ademais, Nieto transcende este soporte coa creación de festivais e espectáculos -como “Lluvía como risa furiosa”-, video instalacións ou video performances como “Primera hoguera para el arte. Noche de San Juan” (1991), pertencente á colección do Museo Nacional Reina Sofía.