Igualdade

A Deputación de Ourense elabora e difunde a I Guía de comunicación inclusiva

Estas novas iniciativas que o goberno provincial puxo en marcha porque “asume e comparte o seu papel nun momento histórico que require un compromiso firme coa igualdade”

ondacero.es

Ourense |

montserrat lama | deputacion de ourense

A Deputación de Ourense está a desenvolver, a través da Comisión de Igualdade da institución, diversas iniciativas en materia de igualdade como é a elaboración e difusión da primeira Guía de comunicación inclusiva porque o goberno provincial entende que “a linguaxe xoga un papel fundamental na transmisión da cultura e dos valores”, dixo a deputada provincial de Transparencia e presidenta da Comisión de Igualdade, Montserrat Lama, na presentación deste manual hoxe no Pazo Provincial, xunto á deputada provincial de Igualdade, Teresa Cerdeira.

Con este novo documento de traballo, “asumimos a responsabilidade de usar unha linguaxe administrativa que sexa non excluínte ou inclusiva, converténdose nunha das ferramentas cruciais de cambio e de resposta ás novas realidades”, salientou Montserrat Lama, quen explicou os obxectivos desta guía son: poñer a disposición de todo o persoal da institución este documento de traballo para que responsables de órganos xestores e persoal técnico atopen nel pautas adecuadas para facer tamén do noso idioma un instrumento de comunicación en igualdade, que se achegue máis ao uso normativo da lingua galega e se estenda á cidadanía usando unha linguaxe non excluínte, contribuíndo á visibilidade das mulleres, e, por último, facilitar o bo uso do sistema lingüístico para corrixir o uso segado do mesmo.

Trátase dunha nova iniciativa que o goberno provincial está a desenvolver a prol da igualdade porque “asume e comparte o seu papel nun momento histórico que require un compromiso firme coa igualdade”, salientou a deputada provincial de Transparencia. Por elo, a Deputación de Ourense pretende “integrar a linguaxe inclusiva nos documentos e textos legais co fin de avanzar na igualdade de mulleres e homes, porque a través destes mecanismos contribúese ao impulso, reforzo e consolidación do novo pacto social entre

homes e mulleres”, dixo Montserrat Lama. A guía estará dispoñible, a partir do vindeiro luns, na páxina web da Deputación de Ourense (www.depourense.es).

Formación en igualdade

Por outra parte, outra das medidas novidosas adoptadas pola Deputación de Ourense foi a de impartir cursos de formación en materia de igualdade dirixido ao persoal da administración local. En concreto, a institución provincial ofertou dous cursos: un deles centrado na normativa básica de igualdade e atención á diversidade, impartido na modalidade online cunha duración de 40 horas lectivas; e outro que aborda a linguaxe administrativa non discriminatoria que será impartido na modalidade presencial e ten unha duración de 40 horas lectivas.

Ademais dos cursos específicos –explicou Teresa Cerdeira- este ano incorporouse un módulo transversal común de formación para a igualdade en cinco cursos diferentes dirixidos principalmente ao persoal do Parque Móbil e de Maquinaria e ao das brigadas de zonas verdes. Este módulo está dividido en tres áreas: a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, o emprego e outros ámbitos para a igualdade de oportunidades, e a desigualdade e a violencia de xénero.