Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense e o Grupo GEN impulsan novas iniciativas

A Deputación e o Grupo GEN colaboran no desenvolvemento destas iniciativas co fin de transferir coñecemento á administración local e contribuír a mellorar os estándares sociais, económicos e de servizos no ámbito local.

ondacero.es

Madrid | 04.12.2018 09:48

manuel baltar na presentacion do II Informe Red Locais
manuel baltar na presentacion do II Informe Red Locais | deputancion de ourense

A Deputación de Ourense e o grupo de investigación GEN colaboran un ano máis no impulso de iniciativas pioneiras para a análise da economía da administración local, como son os resultados do II Informe Red Localis e do Observatorio Municipal Galego, presentados hoxe polo presidente da Deputación de Ourense e coordinadores dos traballos, que sitúan a Ourense á vangarda da análise do municipalismo español.

A Deputación e o Grupo GEN colaboran no desenvolvemento destas iniciativas, iniciadas no ano 2017, co fin de transferir coñecemento á administración local co obxectivo de contribuír a mellorar os estándares sociais, económicos e de servizos no ámbito local, unha alianza da que o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, dixo hoxe que visibiliza “a cooperación en materia de innovación na xestión pública por medio de estudos que beneficiarán o devir da administración e da veciñanza”.

A presentación dos resultados do II Informe Red Localis e do Observatorio Municipal Galego tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participaron,ademais de Manuel Baltar, o director do grupo de investigación GEN, Santiago Lago; a co-directora da Red Localis e do II informe, Concepción Campos; o co-director da Red Localis, Alberto Vaquero; a profesora da Universidade de Santiago, María Cadaval.

“Trátase de dúas iniciativas que abordan diferentes aspectos que ocupan e preocupan ás administración públicas”, explicou Manuel Baltar, quen destacou que se tratan temas relacionados coas liñas básicas de traballo do goberno provincial como son “a xestión económica, sendo a Deputación de Ourense a primeira administración pública en España en aprobar os orzamentos; a transparencia, que nos sitúa no primeiro goberno provincial de España atendendo a 185 indicadores; e a innovación, porque temos en conta todas as ideas que poidan ser perfectamente interiorizadas pola administración no beneficio da veciñanza”.

Os resultados destas dúas propostas, nas que ano tras ano se incorporan innovacións neses estudos, “beneficiarán ao devir das administracións públicas e repercutirá, polo tanto, no benestar dos veciños”, sinalou o presidente da Deputación de Ourense. Nese carácter innovador incidiu Concepción Campos, quen lembrou que se trata de dúas iniciativas “pioneiras no marco da Unión Europea”.

Pola súa parte, Santiago Lago dixo que estes dous proxectos estratéxicos nos sitúan como “referencia da análise do municipalismo” grazas a que “temos á Deputación como socio”, e salientou que estes estudos mesturan “o mundo universitario coa administración para a transferencia de coñecemento, co fin de que sexa aproveitado para a súa experiencia práctica nas administracións”.

En continuidade co primeiro Informe, e coincidindo coa liña de traballo habitual da Red Localis, o segundo informe, baixo o título “Presupuestos y financiación local: la hora de la verdad”, apunta claves e propón os plantexamentos de futuro que serán de utilidade aos candidatos a gobernar as entidades locais nos vindeiros catro ano, para contribuír á reflexión e ao debate público sobre un tema fundamental para a xestión pública. O tema deste ano débese a que “pretendemos estar apegados sempre á máxima actualidade e converternos nun foco de reflexión”, explicou Concepción Campos.

O II Informe Red Localis presentouse en formato de manual, co que se pretende dar un “salto de calidade no seu acceso e distribución”, sinalou Concepción Campos, quen dixo que se trata “dunha boa ferramenta para que os gobernos locais e provinciais poidan esixir novos cambios no financiamento local, cumprindo así co obxectivo de ser axentes do cambio para que leven a cabo políticas públicas con efecto directo na distribución territorial da riqueza, na prestación dos servizos e nos dereitos dos cidadáns”.

O manual céntrase nos “temas máis importantes e urxentes da administración local, analizados por profesionais que están á vangarda nesas cuestións”, explicou María Cadaval, e distribúese en tres bloques temáticos: a presupuestación e o control; o financiamento; e a organización e racionalización da administración local.

O II Informe aborda as reformas pendentes da administración local, sen esquecer a reforma tributaria, a reformulación do modelo de transferencias para convertelo nun verdadeiro sistema de nivelación e o ámbito europeo de financiamento local. Todo elo, envolto na necesidade de introducir boas prácticas de presupuestación e control para garantir a calidade dos servizos públicos. De tal modo que este informe preséntase como un “actor do cambio”.

Observatorio Municipal Galego

Pola súa parte, o Observatorio Municipal Galego, plataforma creada no ano 2017, recolle e difunde datos relacionados coa economía e a fiscalidade local de todos os concellos galegos, presentados nunha páxina web interactiva e de sinxelo manexo. A plataforma mostra datos históricos desde o ano 2010 ata a actualidade, as variables tributarias locais (IBI, IAE...) e dispón dun apartado de ratios orzamentarios que permite aos usuarios coñecer máis en profundidade as contas liquidadas dos concellos. Tamén ofrece a posibilidade de visualizar un mapa dos concellos galegos en función das variables máis relevantes. “Trátase dun estudo completo, dinámico, diferenciador e facilmente accesible, no que cada ano introducimos novas variables e melloras”, dixo Alberto Vaquero.