O escritor Manuel Rivas visita Allariz
“A lingua das bolboretas”, conto de Manuel Rivas, foi a inspiración deste xardín escolar e da semana artístico cultural que o IES organiza, do 27 ao 31 de maio, en colaboración co Concello de Allariz e a editorial Aira das Letras
Hai 20 anos Allariz convertíase nun escenario de película. A rodaxe da “Lingua das Bolboretas” de José Luis Cuerda transformaba a vida cotiá de veciños e veciñas que se converteron en auténticos protagonistas daquel xullo de 1998. Con este motivo os alumnos e alumnas do IES de Allariz deseñaron para a décima edición do Festival de Xardíns de Allariz “Xardíns de Cine”, un xardín efémero na honra de todos os mestres e mestras coa esperanza de que sexa un recuncho de lembranza do pasado e de reivindicación dun presente lúdico, vital, integrador, harmonioso e libre como o xogo infantil, como o voo das bolboretas.
A participación do alumnado dos centros educativos de Allariz no Festival de Xardíns é un clásico. Unha das doce parcelas están reservadas para eles por ser este, ademais, un espazo educativo de sensibilización co medio ambiente. As bolboretas da Memoria, así se chama o xardín da escola “ é a homenaxe que os centros educativos de Allariz queremos dedicar aos mestres e mestras que durante xeracións puxeron ás de liberdade e cores de felicidade e sabedoría nos nenos e nenas que pasaron polas escolas”.
“A lingua das bolboretas”, conto de Manuel Rivas, foi a inspiración deste xardín escolar e da semana artístico cultural que o IES organiza, do 27 ao 31 de maio, en colaboración co Concello de Allariz e a editorial Aira das Letras e na que participarán outros centros educativos ourensáns como CEIP Padre Feijóo de Allariz, o CEIP de Xunqueira de Ambía e IES Cidade de Antioquía , IES Carlos Casares, IES Blanco Amor, IES Ferro Couselo, Universidade Laboral, IES de Bande e IES Celanova.
O programa comeza mañá ás 10:00h co roteiro sobre a obra "A lingua das Bolboretas” e continuará, ás 12:00h co encontro, na Casa da Cultura, de Manuel Rivas cos centros escolares.Ás 13:00h continúa o roteiro e pola tarde, ás 18:00h, o escritor galego acompañado de representantes do concello de Allariz, entre eles a alcaldesa Cristina Cid e profesorado que participou no proxecto da parcela dos centros escolares "As bolboretas da memoria". Ás 19:30. Encontro con Manuel Rivas no espazo do Ben Común para falar do seu último libro e da súa traxectoria literaria en xeral.