Desde esta fin de semana, comenzará o servizo de 'paradas anti acoso'
Desde o 7 de decembro, todas as mulleres que así o demanden ao subir no autobús poderán apearse no lugar solicitado pola porta dianteira.
O Concello de Ourense implanta, desde este venres, 7 de decembro, o servizo de 'paradas anti acoso' no transporte urbano destinado a garantir a seguridade e a integridade das mulleres que viaxan soas. A viaxeira non terá máis que informar coa antelación debida sobre o lugar de baixada solicitado, e poderá apearse pola porta dianteira do autobús cando chegue ao seu destino.
O concelleiro de Transporte e Mobilidade, José Araújo, e o xerente da empresa concesionaria Ourense de Transportes, Manuel Maneiro, reuníronse esta mañá en dependencias municipais para darlle inicio a este servizo e establecer unha liña de diálogo que vaia “incorporando todas as medidas que sexan necesarias para protexer a integridade das mulleres que viaxan soas”, aseguraba o edil. Araújo recordaba, tamén, que esta medida dálle cumprimento a unha moción aprobada por maioría no pleno do pasado 2 de novembro.
O servizo funcionará todos os venres de 23:00 a 6:30 horas e os sábados e véspera de festivos de 23:00 a 7:00 horas nas liñas nocturnas, os Moucho-bus: a 25A Vinteún – A Cuña, e na 25B Residencia – Estación de autobuses.
A parada realizarase no lugar indicado pola muller que o solicite ao subir ao autobús sempre que non supoña un perigo para a circulación -en caso contrario realizarase no lugar máis próximo-, e sempre por unha única porta, a dianteira. Os traballadores do servizo de autobuses estarán sempre pendentes de como se efectúa a baixada para, no seu caso, avisar á Policía Local de calquera incidente que se poida producir.
Esta iniciativa, comenta Araújo, “converte Ourense nunha cidade con maior percepción de seguridade para as mulleres”