Crisis Coronavirus

A FAPA de Ourense pide o Concello que faga chegar as familias as axudas para comedor

Moitas familias teñen dificultades para asumir os gastos extras causados polo peche dos comedores escolares

Óscar Gómez

Ourense |

Comedor escolar en Ourense | La Region

A Federación de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos de Ourense, FAPA “As Burgas”, dirixiu un escrito á concellería de Asuntos Sociais da capital ourensá propoñendo que, do mesmo xeito que vai facer a Xunta de Galicia coas axudas económicas da Autonomía a familias para comedores escolares, o concello abone as súas achegas directamente ás familias beneficiarias das axudas municipais.

Plantexan a necesidade de establecer un sistema que lles faga chegar directamente os cartos e manter así para a garantía de que tódolos rapazas e rapaces de Ourense podan seguir alimentándose correctamente. Considera a FAPA que é preciso asegurar que non perdan un dereito que lle foi recoñecido a principios de curso en base ás condicións socio económicas de cada unidade familiar.

A FAPA sinala ademais que os cartos para estas becas do concello están reservados nunha partida dos presupostos municipais con esta única finalidade. O presidente de AS Burgas, José Antonio Álvarez Caride, opina que “sería inxusto que fique sen gastar un diñeiro que ten un destino tan concreto e básico precisamente nunhas circunstancias nas que moitas familias deben reorganizar a súa economía doméstica, afrontando o imprevisto de ter os rapaces a comer na casa tódolos días. Aínda ademais cando as perspectivas económicas de futuro son de moita incerteza para os menos favorecidos economicamente”.

A FAPA As Burgas ofrécese ao concello para facilitar o establecemento dun sistema práctico e rápido que permita realizar a transferencia dos cartos das axudas directamente ás contas correntes das familias.

Esta petición refírese tanto ás axudas para alumnos de centros onde a FAPA xestiona directamente os comedores escolares, C.E.I.P Curros Enríquez e C.E.I.P Inmaculada, como para o resto dos centros onde as ANPA asociadas a esta Federación están a xestionar o servizo de comedor: C.E.I.P. A Ponte -segunda quenda-, C.E.I.P Prácticas, C.E.I.P Amadeo Rodríguez Barroso, C.E.I.P. Irmáns Villar, C.E.I.P As Mercedes e C.E.I.P. Vistahermosa. Tamén, en xeral para todos os alumnos de centros becados polo Concello para o curso 2019/2020.