Feijóo renova o compromiso coa cidade de Ourense
Amosa a súa preocupación polo ritmo que está levando o Adif na súa parte e pide que execute coa máxima axilidade as obras do parking para que deixe espazo liberado para que a Xunta faga as obras da terminal de autobuses
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, renovou este luns na xuntanza co alcalde de Ourense o compromiso do Goberno galego coa cidade e subliñou que este ano rematará con avances na nova Residencia de Maiores, no Hospital Público de Ourense, no Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, no novo Centro de Discapacidade e no Pavillón dos Remedios.
No caso do novo Centro de Discapacidade de Ourense, concretou este luns o seu avanzado estado de tramitación, para o que hoxe mesmo solicitou licencia ao Concello. Desta infraestrutura destacou que é un dos compromisos principais do Goberno galego coa cidade en materia de servizos públicos e, ao mesmo tempo, precisou que a Administración autonómica está comprometida con facer realidade esta infraestrutura de acordo co emprazamento e o tamaño sinalado polas familias, é dicir, con 100 prazas e na zona de Barrocás.
Tamén en materia de servizos públicos, Feijóo lembrou o compromiso da Xunta de completar a modernización do Hospital Público de Ourense, que é a continuidade do edificio rematado en setembro de 2017 logo dun investimento de máis de 41 M€ e que permitiu concentrar todas as unidades nun único edificio, incrementar a comodidade
dos pacientes e dedicar Santa María Nai á atención ambulatoria sen ingreso en exclusiva.
En canto aos novos avances, indicou que neste 2019 xa se puxeron a funcionar a nova área de Resonancia Magnética, a nova área de Hospitalización de Psiquiatría de Agudos e o novo aparcadoiro para persoal. Así mesmo, anunciou que está previsto poñer en marcha no que queda de ano o Hospital de Día de Hematoloxía, a nova cociña e o aparcadoiro público, que contará con 423 prazas con condicións vantaxosas para persoal e pacientes.
A partir de agora, o compromiso da Xunta é investir outros 64,4 M€ máis comezando pola 1ª fase da renovación do Hospital Público de Ourense, que consistirá na reforma das vellas unidades de hospitalización pero sen baleiralas e que, ademais, incluirá a construción dun novo edificio ao que poder trasladar temporalmente as plantas que se vaian modernizando no Materno Infantil, así como a reforma das alas esquerdas do Edificio de Cristal. En fases posteriores contémplase a reforma do antigo edificio de hospitalización e algunhas plantas do edificio central, ademais da construción dun edificio administrativo, gardaría e docente de nova planta. A este respecto, o titular do Goberno galego explicou que a 1ª fase xa se licitou en maio.
Nesta mesma liña, anunciou que o proxecto construtivo da 1ª fase vai ser presentado á cidade no segundo semestre de 2020 e que, nese momento, se avaliará a situación urbanística da cidade. En relación a este asunto, o presidente da Xunta explicou que a situación do planeamento urbanístico –cun PXOM en situación de ser aprobado nos próximos meses– pode condicionar esta situación e incidiu en que se precisan mellores accesos e máis solo para as novas actuacións no Hospital. No caso de que o PXOM se aprobe antes da tramitación destas actuacións, estas deberían ter encaixe no novo planeamento. No caso contrario, procederíase en base á Lei 3, como se fixo nos últimos anos.
Así mesmo, Feijóo renovou o seu compromiso coa Atención Primaria. Ademais de referirse á posta en marcha do centro de saúde do Couto, amosou a receptividade da Xunta a estudar outro ambulatorio en O Vinteún, pero nese caso, lembrou que o Concello ten que sinalar unha parcela porque persisten os problemas na que se considerou anteriormente.
A continuación, referiuse á nova residencia pública para maiores, que xa dispón de parcela en Cudeiro. O compromiso da Administración autonómica é convertelo en proxecto de excepcional interese para poder axilizar esta actuación e que, polo tanto, Ourense dispoña dunha residencia para maiores con 120 novas prazas públicas cun investimento de 9 M€. A maiores, referiuse ao novo centro interxeracional construído pola Fundación Amancio Ortega: as 82 prazas de gardaría xa están funcionando desde
setembro e, en canto ao centro de día, desde marzo ten actividade con 21 prazas que se irán ampliando progresivamente ata as 100 previstas.
En relación á educación, mostrouse convencido de que o Centro Galego de Innovación da FP –cun investimento de 10 M€ e cuxo proxecto xa está redactado– será un motor de innovación e emprendemento e precisou que nos vindeiros días se solicitará a licenza de obra ao Concello para poder licitar as obras no próximo mes de setembro. Así mesmo, recordou que a Xunta leva investidos desde 2009 once millóns de euros para melloras de colexios e institutos e, entre este ano e o que vén, investirá 5 M€ máis para renovar sete colexios.
Feijóo e Pérez Jácome tamén falaron sobre vivenda. De feito, o titular da Administración autonómica manifestou que a Xunta pretende rehabilitar 12 vivendas en estado de abandono no Casco Vello mediante o Programa Rexurbe Ourense, cifra que se prevé ampliar nos próximos anos. A continuación, referiuse ao novo edificio da Xunta na cidade, que albergará todos os servicios administrativos que a Xunta presta en Ourense. Con todo, para construílo é preciso que o Concello ceda unha parcela, solicitude que trasladou ao rexedor para poder acometer este investimento que cifrou en arredor de 20 M€.
No capítulo da mobilidade, Feijóo subliñou que a conexión do Polígono de San Cibrao coa Autovía A-52 non só se atopa en execución, senón que vai a bo ritmo cun investimento de 22 M€. Trátase dunha actuación, argumentou, que beneficia aos que traballan na zona aínda que non entre no Concello e se prevé que poida entrar en servizo na metade de 2020. Así mesmo, explicou que o Plan de Sendas tamén está a beneficiar a comarca de Ourense con 15 quilómetros e 2,5 M€ de investimento para sete sendas peonís. Do mesmo xeito, sinalou que a Xunta está cumprindo o protocolo para acondicionar varias rúas de carácter urbano do municipio e que, unha vez estean en perfectas condicións, serán traspasadas a Ourense. Acometeranse polo menos 10 actuacións cun investimento de 10 M€.
Sobre a estación intermodal, amosou a súa preocupación polo ritmo que está levando o Adif na súa parte e, así, solicitou a este ente do Goberno central que execute coa máxima axilidade as obras do parking e que cumpra o seu calendario para que, deste xeito, o espazo poida quedar liberado para que a Xunta poida acometer as obras da terminal de autobuses que son da súa responsabilidade. En relación ao AVE, segue a defender que a variante de Taboadela é inaprazable, pero insiste en que, mentres non se remate esta variante exterior, se mellore a vía actual para respectar os prazos comprometidos polo Goberno central.
Tamén no eido da mobilidade, salientou as vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano. Deste xeito, Feijóo explicou que os novos contratos concesionais de transporte da Xunta xa prevén todo o necesario para que se poidan aplicar descontos
nos prezos dos billetes e gratuidade para os menores de 19 anos. Eses beneficios aumentarán cando o Concello de Ourense complete tamén a renovación do seu transporte urbano e o integre no sistema.
Máis adiante, destacou que Ourense será o primeiro Ecobarrio que exista en Galicia, demostrando que existe outra forma de facer cidade máis respectuosa co medio e que, ademais, suporá 20 M€ e a creación de máis de 300 empregos. Ante esta oportunidade, trasladoulle ao alcalde a necesidade de axilizar os prazos previstos para sacar adiante a maioría dos proxectos en 2020, para o que é preciso a implicación do Concello.
Neste sentido, explicou que as obras da oficina de atención ao Público do Ecobarrio están rematadas e pendentes de licencia do Concello; que é necesario axilizar os trámites do alumeado público exterior, xa que o Concello dispón de toda a documentación elaborada polo INEGA; e que tamén é necesario que o Consistorio, da man técnica do Inega, complete a solicitude de subvención do IDAE a organismos municipais para sufragar as actuacións de mobilidade e redes de calor (2M€).
Así mesmo, sinalou que é preciso reforzar o traballo que se iniciou coas asociacións de veciños para que se consiga a máxima adhesión ao proxecto de rehabilitación do barrio de Covadonga. En relación a este asunto, o presidente da Xunta explicou que a remodelación dos 18 edificios privados xa foi sometida a auditoría, pero que agora sería convinte que o Concello convocara unha reunión para confirmar cantos dos analizados aceptan sumarse a este proxecto. A maiores, salientou que é necesario iniciar os contactos con comunidades de veciños e edificios públicos no traxecto proposto na rede de District Heating para avanzar no seu desenvolvemento.
Sobre o turismo, Feijóo referiuse á nova Lei de usos termais, que será aprobada este mesmo verán e, a maiores, avaliou co alcalde a posibilidade de concretar unha colaboración para rehabilitar as termas da Chavasqueira afectadas por un incendio o pasado mes de abril. O próximo Xacobeo tamén ocupou unha parte da reunión e o presidente solicitou a implicación do Concello para facer desta cita un evento descentralizado. Así, puxo como exemplo o novo albergue de peregrinos no casco vello que se abriu o decembro pasado ou a adecuación da Vía da Prata. Así mesmo, referiuse á rehabilitación da Igrexa de San Francisco (1,6 M€), así como ao compromiso de adecuar a contorna da Ponte Vella. Neste sentido, a Xunta ten o compromiso de facer unha pista skate pero, posto que hai dúbidas sobre a súa ubicación, pediulle ao alcalde que aclare este extremo.
Por último, Feijóo e Pérez Jácome falaron sobre a reforma do Pavillón dos Remedios, cun investimento de 2 M€ que financiará ao 100% a Xunta e que se prevé licitar antes de que remate o verán. Esta mellora nas infraestruturas deportivas súmase á que xa fixo a Administración autonómica coa nova pista de atletismo e as novas gradas en Expourense. Así mesmo, Feijóo acolleu a idea do alcalde de acometer un parque
termal na cidade de Ourense, que se sumaría ao proxecto que xa ten a Xunta para potenciar unha zona acuática en Monterrei. A este respecto, animou ao rexedor a concretar un proxecto viable, que se poida desenvolver entre o Concello, a Deputación e a Xunta.
Tamén escoitou a proposta do alcalde de crear un novo centro de intelixencia artificial, un área que considera unha oportunidade de futuro no ámbito económico. Remitiu este posible desenvolvemento do centro a unha avaliación posterior coa Axencia de Innovación de Galicia para poder concretar o alcance e contido do proxecto, as súas fases e os posibles mecanismos de financiamento a nivel local, autonómico e nacional.
Finalmente, o presidente subliñou que a vontade da Xunta é traballar desde o diálogo e a cooperación para poder axilizar e desenvolver con éxito os asuntos municipais.