Ourense Cidade

Inicianse as obras de remodelación do Pavillón dos Remedios

A planificación da empresa permite que o pavillón estea aberto durante o transcurso das obras, o orzamento de adxudicación é de 1.900.449,86 distribuído en dos anualidades, 480.738,17 euros en 2019 e 1.419.711,69 euros en 2020

Óscar Gómez

Ourense |

Pavillón dos Remedios | concello de ourense

As obras de remodelación do Pavillón Polideportivo dos Remedios, froito dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Ourense e financiadas integramente polo Goberno galego, xa están en marcha e terán unha duración aproximada de dez meses. A empresa Construccións Alea foi a adxudicataria do contrato cun orzamento de 1.900.449,86 distribuído en dos anualidades, 480.738,17 euros en 2019 e 1.419.711,69 euros en 2020.

O proxecto a acometer será unha remodelación profunda, estética e funcional que actuará sobre diversos aspectos do complexo deportivo desde a entrada principal ata a pista polideportiva. Deste xeito levarase a cabo a renovación da fachada principal e a fachada cara á Ponte Romana quedando o conxunto cun aspecto renovado e moderno; a modernización da entrada principal e todas as comunicacións á vez que se garante a accesibilidade de minusválidos a toda a instalación; o arranxo de toda a planta de soto con accesibilidade mediante un novo ascensor, a modernización de case 400 m² de vestiarios e aseos facendo que sexan accesibles a minusválidos; a construción dunha nova planta de 550 m² nunha zona de ximnasio onde se aloxará unha sala nova en planta baixa de usos múltiples e, en planta primeira, unha sala de musculación e outra de actividades dirixidas, todo accesible mediante un ascensor; cambio do recubrimento de chans e paredes na piscina de 50 metros Rosario Dueñas e reordenación dos espazos da piscina de 25 metros Pedro Escudero; así como o aproveitaranse as augas termais para o atemperamento da climatización e para auga quente sanitaria.

A planificación da empresa permite que o pavillón estea aberto durante o transcurso das obras. Deste xeito nunha primeira fase pecharase a piscina de 25 metros durante un período máximo de tres meses. Posteriormente abrirase a piscina ao público e traballarase en corredores e ximnasios durante dous meses e medio aproximadamente, tempo no que xa estarán funcionando as piscinas. Finalmente levaranse a cabo as obras de vestiarios e da piscina de 50 metros deixando en uso ximnasios, salas de actividades e piscina de 25 metros.

Pavillón dos Remedios | concello de ourense

50 aniversario

O Complexo Deportivo dos Remedios, inaugurado en 1969, é unha instalación municipal referente para a vida deportiva, social e cultural da cidade de Ourense. Conta cun amplo volume de utilización, cun rexistro de máis de 40.000 accesos mensuais dotado de múltiples servizos deportivos, dúas piscinas, un spa (piscina exterior), dous pavillóns polideportivos cubertos, un campo de fútbol, un módulo de atletismo, un ximnasio, unha sala de musculación e pistas exteriores.

Debido ao deterioro lóxico que sufriron os seus espazos co paso do tempo e por tratarse dunha infraestrutura referente localizada na entrada principal da cidade, nunha zona emblemática entre a Ponte do Milenio e a Ponte Romana, cómpre renovar, adaptar e adecuar o edificio ás novas

necesidades implementando esta remodelación estética e, sobre todo, funcional, nun 2019 no que esta instalación cumpre 50 anos.

A Secretaría Xeral para o Deporte continúa a súa aposta decidida pola mellora das infraestruturas deportivas da cidade de Ourense despois de inaugurar o pasado 16 de decembro a pista cuberta como unha instalación referente do atletismo nacional na que investiu máis de 3,5 millóns de euros. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte tamén traballa na creación do novo parque acuático do complexo deportivo de Monterrei no que se prevé un investimento de 9 millóns de euros.