A iniciativa das Aldeas Modelo prevé devolver á produción unhas 1300 hesctareas de terreo
O Goberno galego ten en marcha nestes momentos un total de 18 aldeas modelo, a meirande parte delas na provincia ourensá
A Xunta prevé devolver á produción este ano unhas 1.300 hectáreas de terreo en Galicia, grazas á iniciativa de mobilización das aldeas modelo. Foi o que destacou o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, na súa visita á aldea modelo de Trelle, en Toén, que comprende 649 parcelas de 176 propietarios e unha superficie de case 30 hectáreas.
Na visita, o conselleiro puxo de relevo que xa se realizaron as tarefas de roza e limpeza pertinentes nesta aldea modelo. Así, segundo sinalou, “todo está a punto para comezar a xerar riqueza neste enclave do rural ourensán, a través de distintas iniciativas de gandaría extensiva”.
Mirando ao conxunto da comunidade, o titular de Medio Rural puxo de relevo que, “tras recibir unhas 60 peticións”, están xa en marcha un total de 18 aldeas modelo en Galicia, a meirande parte delas na provincia de Ourense. Estas abarcan 10.500 parcelas de 2.600 persoas propietarias e unha superficie de 531 hectáreas.
Deste xeito, González apuntou que “seguimos poñendo o foco en terras abandonadas ou infrautilizadas, coa finalidade principal de fomentar a súa volta á produción”, mediante cultivos, pastos ou a posta en marcha de gandarías. Nesa liña, destacou que as aldeas modelo suporán a obtención dun rendemento económico “tanto para os propietarios dos terreos –que conservarán a titularidade das parcelas ao tempo que recibirán un pago por arrendamento– como para os interesados na súa explotación”.
Referíndose tamén ás posibilidades que ofrecen os polígonos agroforestais, o conselleiro resaltou así mesmo que “traballamos co obxectivo de mobilizar unhas 10.000 hectáreas ao ano”. O obxectivo, dixo, é non só dinamizar a economía do rural senón tamén fixar poboación nas aldeas, “ao tempo que creamos devasas naturais fronte aos lumes”.
Reunión cos comuneiros
Tras visitar a aldea modelo, o conselleiro do Medio Rural en funcións reunirase tamén esta tarde cos comuneiros de Moreiras-Trelle para buscar fórmulas que aposten pola funcionalidade dos montes desta zona do concello de Toén. A xuntanza tamén servirá para tratar a recuperación do terreo afectado polo incendio forestal rexistrado a comezos de mes na parroquia de Moreiras, que queimou 220 hectáreas.
Así, no encontro analizaranse as distintas medidas que contempla o Goberno galego para "converter o monte de Moreiras-Trelle nun auténtico exemplo de que a xestión forestal é riqueza”, resaltou González. Entre elas, “o plan de pastoreo ou un programa estratéxico do castiñeiro para recuperar os soutos tradicionais da comunidade”.
Por último, o titular de Medio Rural fixo fincapé no importante labor de anticipación aos incendios que supuxo o plan preventivo posto en marcha este ano pola Xunta, dotado con máis de 30 millóns de euros “para actuar en case 46.000 hectáreas e nuns 5.800 quilómetros de pistas e vías de comunicación”, concluíu.