Ourense Cidade

Jesús Vázquez reunirase o 8 de xaneiro co Secretario de Estado de Infraestruturas

O rexedor reclama a todos os grupos políticos no Concello e no Congreso “unidade para esixir a urxente licitación e prazos concretos para a construción da Variante Norte

ondacero.es

Ourense |

Jesús Vazquez | Onda Cero

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, reunirase o vindeiro oito de xaneiro co secretario de Estado de Infraestruturas, Pedro Saura, para “reivindicar o que lle pertence a Ourense, que se lle dea unha solución urxente á paralización das obras da Variante Norte (Eirasvedras-Quintela)”. O rexedor reclama que o Goberno central “non pode paralizar o que xa estaba en marcha” e confirma que esixirá a licitación das obras e que se concrete un período de cumprimento das actuacións.

“Esiximos que no menor prazo de tempo posible se licite a Variante Norte, que se lle poñan prazos concretos para a súa execución, e que se lle dea continuidade ao que o Goberno de Mariano Rajoy xa deixara en marcha”, insiste o rexedor.

A reunión, prevista para o oito de xaneiro, é froito da insistencia do Concello, que desde finais de setembro remitiulle tres cartas ao Ministerio de Fomento para solicitar unha reunión á maior brevidade co ministro, José Luis Ábalos, co gallo de tratar sobre a parálise da construción deste tramo.

“É necesario que o Goberno central cumpra con Ourense e non siga a darlle as costas a nosa cidade nun proxecto fundamental para vertebrar a cidade e para desenvolver o Bulevar Termal, co que tamén queremos poñer en valor as marxes do río Miño e a nosa riqueza termal”, sinala o rexedor.

“Pedímoslle ao Goberno que lle dea continuidade ao que xa estaba en marcha e que quedara listo para a súa licitación co anterior Goberno. O seu silencio e inacción nun proxecto que xa estaba en marcha está a ter como principais prexudicados aos cidadáns”.

O alcalde de Ourense pide que “todos os grupos políticos esteamos unidos para esixir un dereito para Ourense”, e insiste na necesidade de que os

representantes de PSOE e En Marea no Congreso “se sumen a petición do que é de Xustiza para Ourense”.