José González achégase ás principais zonas afectadas polas treboadas
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon a disposición dos afectados que necesiten alugar unha vivenda o Bono de Alugueiro Social
O conselleiro do Medio Rural, José González, achegouse ao concello do Barco de Valdeorras e está previsto que se desprace tamén ao de Monterrei para coñecer de primeira man os danos rexistrados en diferentes cultivos como consecuencia das fortes treboadas e pedrazo que se produciron nas comarcas ourensás de Verín e Valdeorras.
No Barco, onde estivo acompañado polo alcalde do municipio, Alfredo García, o conselleiro indicou que ao longo deste día os técnicos das oficinas agrarias comarcais máis próximas aos concellos afectados identificaron e avaliaron os danos sobre o terreo para coñecer as consecuencias destes episodios meteorolóxicos adversos. No caso concreto dos viticultores, José González sinalou que tamén se está en contacto cos consellos reguladores de Valdeorras e Monterrei para facer unha avaliación conxunta.
Neste sentido ademais animou a utilizar os correspondentes produtos cicatrizantes nas vides para o que teñen apoio técnico da Xunta. “Estamos á súa disposición para calquera dúbida”, concretou José González, e engadiu que o uso destes tratamentos poden ter un efecto moi positivo.
Neste senso, o titular de Medio Rural lembrou a importancia da contratación de seguros agrarios de cara a facer fronte a imprevisibles coma os temporais e outras cuestións relativas á meteoroloxía, como o acontecido na tarde de onte. Deste xeito, insistiu, é a forma máis segura que teñen as explotacións para estar cubertos en caso de que se produzan danos en explotacións e minimizar así as perdas ocasionadas.
O titular de Medio Rural destacou que para este ano 2019 o seu departamento dedica un orzamento de 5 millóns de euros á orde de axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios en Galicia. “É preciso subscribir seguros agrarios para protexer o noso medio de vida, o noso negocio”, manifestou o conselleiro e lembrou que en
Galicia se subscribiron o pasado ano case 50.000 pólizas de seguros agrarios, o que representa o 11% do total nacional.
As principais zonas afectadas nestas comarcas ourensás son os municipios do Barco de Valdeorras, Rubiá, O Bolo, Verín e Monterrei. A este último concello desprazarase o conselleiro en torno ás 19.30 horas para coñecer o estado dos cultivos xunto co alcalde, José Luis Suárez.
Os danos ocasionados poden verse en diferentes cultivos, tales como viñedos e horta ao aire libre. Precisamente o pasado ano as liñas agrícolas máis aseguradas foron as de uva de vinificación e as forraxeiras.
Bono de Alugueiro Social
Doutra banda, a Xunta -a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda- pon a disposición dos afectados polas inundacións e riadas rexistradas no día de onte e que necesiten alugar unha vivenda o Bono de Alugueiro Social, que achega unha axuda de ata o 50 por cento do custe do alugueiro. Ademais, tamén hai unha axuda inicial de 600 euros para gastos de contrato de alugueiro e gastos de contratación de subministracións da vivenda.
Este bono vai dirixido, entre outras persoas, a aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como as inundacións rexistradas esta semana.