La Brujula de Galicia desde Laza

Laza un entroido ancestral e único

Declarada festa de Interese Turístico de Galicia, o Entroido de Laza 2020, coa figura do Peliqueiro como protagonista, bota xa a andar

Óscar Gómez

Ourense |

Os días grandes de festa comezan o xoves 20 de febreiro, co folión dos nenos do CEIP O Castiñeiro a partir das 14:30 horas. Pola noite será a cea de comadres, con verbena a cargo da discoteca móvil Space.

Tamén o xoves 20 de febreiro, Onda Cero Galicia realizou "La Brújula de Galicia - Efecto Nova" cun programa especial adicado ó entroido desde o Concello de Laza.

O venres 21, pola tarde haberá cantigas e degustación de xastré e licor café polo bares de Laza, Cimadevila e Souteliño, ademais de pasarrúas co grupo de música tradicional Tanto nos ten e a charanga TNT. Á media noite será o Gran Folión do Entroido, no que soarán os chocos por última vez antes da estrea do Peliqueiro do domingo 23. Os folións percorrerán as rúas a escuras, só coa luz dos fachós de palla e acompañados polo son dos chocos, latas, bombos e demais instrumentos ruidosos.

O sábado 22 é o Sábado de Cabritadas, no que as rúas encheranse de animación musical a cargo da charanga Vaite Xa. Pola tarde será a Gran Fariñada dos nenos e pola noite a Troula e Cabritada dos mozos. A verbena correrá a cargo do grupo 3.com.

O 23 será o Domingo de Estrea dos Peliqueiros, que farán acto de presenza trala misa saudando aos fregueses. A continuación, repartirase na praza da Picota a bica do Peliqueiro.

Peliqueiro en Laza desde os 3 anos | Onda Cero Ourense

Pola tarde, os Peliqueiros acompañarán as carrozas do desfile e pola noite actuarán as orquestras La Ola ADN e Xacobeo.

O luns 24 de febreiro será o Luns Borralleiro, coa Farrapada, a xitanada dos burros e os maragatos pola mañá. E pola tarde será a baixada da Morena dende Cimadevila, acompañada das formigas, toxos e cobelleiros. A continuación, repartirase cachucha con pan.

As orquestras Miramar e Metrópolis porán a nota musical nesa noite.

Por último, o Martes de Entroido sairán pola mañá os Peliqueiros veteráns e entrada a tarde será o tradicional desfile de carrozas, que dará paso ao testamento do burro, o enterro do Entroido e o loito dos Peliqueiros. A orquestra Nevada e a discoteca móvil Space porán o fin de festa a esta edición.