Ourense Cidade

Luz verde á aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense

Para o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez “o futuro de Ourense está debuxado no PXOM. De ningún xeito os ourensáns e ourensás poden permitirse que o futuro da cidade se vexa paralizado por unha teima política"

Óscar Gómez

Ourense |

Jesus Vazquez, alcalde de ourense | La Voz de Galicia

A Xunta de Goberno do Concello de Ourense acordou a aprobación provisional do documento de revisión de adaptación do Plan Xeral de Ordenación Urbana, segundo a versión refundida de novembro de 2017, coa inclusión das correccións introducidas en decembro de 2017 e maio de 2018. Este documento foi remitido á Xunta, concretamente á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, que deberá emitir un informe previo a súa aprobación definitiva en Pleno.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, explicou na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local que “este paso adiante nun tema de vital importancia para o desenvolvemento da cidade, realízase de acordo cos informes técnicos emitidos polo Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística, do titular da asesoría xurídica e do Consello Consultivo”. “O que está na nosa man, facémolo. E a lei ampáranos para dar este paso decisivo para o futuro de Ourense”, incidiu o rexedor.

Na súa intervención, o rexedor recordou que o PXOM fora aprobado inicialmente polo anterior Goberno Municipal, e que o actual Grupo de Goberno “asumiu o documento e traballou sobre él por responsabilidade para a cidade”.

“O futuro de Ourense está debuxado no PXOM. De ningún xeito os ourensáns e ourensás poden permitirse que o futuro da cidade se vexa paralizado por unha teima política e o capricho dos que non queren o avance de Ourense”, dixo Jesús Vázquez.

Coa aprobación provisional, o Plan pasará á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta para que sexa informado. A continuación volverá ao Concello, ben para corrixir eivas ou para proceder á súa aprobación definitiva por parte do Pleno.

“Desde logo, se contamos coa maioría para poder asumir esta decisión, farémolo sen dilación algunha. Esta cidade non se pode permitir retrasar o feito de ter un Plan Xeral acorde á lexislación e que garanta o crecemento e avance de Ourense”, dixo o alcalde Jesús Vázquez.

O rexedor explicou que a aprobación definitiva do PXOM terá unha larga lista de efectos positivos para a cidade, entre os que destacou: o incremento do emprego; facilitar o asentamento de poboación no rural da cidade; potenciar e mellorar a rede viaria; un incremento de zonas verdes; a ordenación de terreos pola chegada do AVE; un novo pulo ao desenvolvemento termal; así como a reserva dun 30% do desenvolvemento urbano para vivendas de protección.

O texto recolle de forma favorable o 70% das alegacións da cidadanía

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, sinalou que “despois de seis anos de intenso traballo por parte dos técnicos e funcionarios cumprimos co compromiso que nos marcamos á nosa chegada ao Concello”. Tamén explicou que o documento que se remitirá á Xunta “recolle de forma favorable o 70% das peticións realizadas pola cidadanía e conta con todos os informes sectoriais favorables (de Medio Ambiente, da CHMS, Patrimonio, Telefonía…). Os grupos políticos non fixeron ningunha aportación”.

“É un PXOM bo para Ourense. Aprobado inicialmente polo PSOE e que asumimos totalmente adaptándoo á Lei do Solo de Galicia”, abundou o concelleiro de Urbanismo.

1.325 millóns de euros en inversións

José Cudeiro explicou que o plan “suporá unha inversión de 1.325 millóns de euros para Ourense; dos que 1.061 corresponderíanlle á Administración Xeral do Estado, a través de obras coma a Variante Exterior; 166 millóns, á inversión privada; 58 millóns á Xunta e 50 millóns ao Concello, cunha inversión anual de tres millóns de euros nos vindeiros 15 anos”.

O concelleiro de Urbanismo confirmou que o Plan suporá para a cidade 21.984 novas vivendas; vai supoñer a posta á disposición da cidade aproximadamente 530 hectáreas de espazos verdes e zonas libres de equipamentos; e a posta a disposición dun volume de solo edificable de 8.878 hectáreas.

Ademais insistiu en que o documento que se envía á Xunta conta co respaldo dos informes técnicos emitidos polo Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística (29 de xuño de 2018), do titular da Asesoría Xurídica do Concello (o pasado 16 de abril), e co informe favorable do Consello Consultivo de Galicia (do 6 de maio de 2018).