Maís de 1000 empregos públicos formaronse na Deputacion
No caso dos cursos de formación a distribución da participación foi a seguinte: 577 (61%) traballadores da Deputación de Ourense, 211 (22%) empregados de concellos da provincia, e 146 (16%) do Concello de Ourense
A Deputación de Ourense vén de informar sobre o Programa de Formación continua e Plan Agrupado da institución provincial correspondente ao ano 2018, a través do cal ofreceu un total de 55 accións formativas, para empregados públicos e cargos electos. O balance da formación do ano 2018 pechouse cunha participación de 1.107 participantes, entre os cursos (942 participantes) e as xornadas de formación (165 participantes).
No caso dos cursos de formación a distribución da participación foi a seguinte: 577 (61%) traballadores da Deputación de Ourense, 211 (22%) empregados de concellos da provincia, e 146 (16%) do Concello de Ourense. A distribución dos 53 cursos ofertados ao longo do ano 2018 abrangueu nove áreas temáticas: Informática e Novas Tecnoloxías, Xurídica e Procedimental, Económica e Orzamentaria, Urbanismo e Medio Ambiente, Unión Europea, Prevención de Riscos Laborais, Formación Específica, Información e Comunicación e Organización e Recursos Humanos.
En canto ás horas lectivas, os cursos de formación continua, dirixidos exclusivamente a empregados públicos, suman un total de 1.333 horas, das 1.340 horas lectivas totais, sendo 7 horas as que corresponden ás xornadas de formación, nas que participaron empregados públicos, cargos electos e público en xeral.
“Trátase dunha oferta comprometida coas demandas dos empregados públicos da provincia, achegando un amplo abano de posibilidades temáticas para dar cobertura ás necesidades dos diferentes servizos da administración”, explicou o o vicepresidente segundo do goberno provincial, Jorge Pumar, trala reunión da mesa provincial de Formación Continua da Deputación de Ourense na que se deu conta do balance do programa de Formación da Deputación correspondente ao ano 2018, e na que se perfilaron as liñas de deseño do Programa para este ano 2019 porque desde o goberno provincial apostamos “por unha formación de calidade para os empregados públicos, dado que consideramos imprescindible a existencia dunha formación actualizada que redunde na calidade dos servizos que prestan aos cidadáns”.
Neste mesmo sentido, Jorge Pumar destacou “as altas puntuacións que rexistran as valoracións realizadas polos participantes sobre o Programa Provincial de Formación Continua da Deputación de Ourense, cunha valoración xeral de 9 puntos de media das 813 enquisas realizadas, que representan un 86% dos participantes”.