Manuel Baltar insiste no pacto “sólido e irrompible” entre PP e DO
O presidente da Deputación Provincial repasou os asuntos da actualidade municipal e nacional ante os micrófonos de Onda Cero Ourense.
O presidente da Deputación e presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, vén de facer un repaso sobre os temas de maior actualidade. A detención dunha persoa por desvío de fondos a través da web da Deputación, o resultado das eleccións xerais, o debate sobre o estado da provincia ou o pacto entre PP e DO en Ourense foron algúns dos asuntos que aclarou.
O primeiro deles foi o recente bloqueo da páxina web da Deputación Provincial, ao que se viu obligada a institución logo de que unha persoa desviase a outras contas bancarias 180.000 euros procedentes de varias subvencións. Manuel Baltar asegurou que “a situación está absolutamente controlada” e que trala detención da persoa responsable, tan só dous días despois de que acontecesen os feitos, logrouse a recuperación da práctica totalidade destes fondos.
O popular tamén fixo unha valoración do recente acordo acadadao por PSOE e Unidas Podemos a nivel nacional, tralas eleccións xerais do 10 de novembro. “Hai que esperar. Fai falta un goberno, pero de momento este acordo non asegurou nada, non aporta novidade algunha”, di. En canto á posibilidade dun pacto nacional constitucionalista entre PP e PSOE, Baltar asegura que “é o partido máis votado o que debe charmar ao presidente da segunda forza en representación tanto no Congreso como no Senado. Se non o fai é un exercicio de altanería política que non pode permitirse nin Sánchez nin o país”.
No tocante aos resultados do Partido Popular na provincia o pasado 10N, Baltar insiste en que “Ourense é a provincia de España con maior apoio ao PP e nela o noso partido conta con maior apoio que calquera outra formación política en todo o territorio nacional. A base está nos nosos representantes, que actúan como unha perfecta correa de transmisión. Pero queremos máis, nas vindeiras eleccións autonómicas”, adiantou o presidente provincial.
Así mesmo, o último debate sobre o estado da provincia celebrado na Deputación de Ourense tamén foi valorado por Baltar, ao que non acudiu o PSOE argumentando que o PP realiza un reparto de fondos “ao seu antoxo”. En canto a esta ausencia, o popular asegurou que “foi un erro, deixaron aos seus votantes sen voz, facían máis indo e decindo o que eles pensan”.
Por último, Manuel Baltar tamén falou do recente anuncio de Democracia Ourensana da súa idea de construir o maior rañaceos de España en Ourense, un edificio de 80 plantas que se levantaría na coñecida Finca Deputación, que contaría cun 80% de propiedade pública e que a xuízo do alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, garantiría “a atracción de visitantes”.
Neste senso, o popular confesou que antes de facer pública esta idea Jácome lla comentou e que, segundo a súa opinión, se trata “dunha idea que pode atraer cousas positivas, perfectamente válida e que non causa ningún tipo de enfrontamento entre nós”.
Manuel Baltar defendeu deste xeito, de novo, o pacto de goberno de PP e DO no Concello e Deputación. “É un pacto sólido, irrompible, formamos un goberno único. É o que precisba Ourense”, concluíu.