Rural

As mulleres protagonistas do crecemento da industria forestal en Galicia

A industria forestal galega factura 2.300 millóns de euros anuais, e conta con case 22.000 asalariados directos

Óscar Gómez

Ourense |

Conde na reunios coas mullers protagonistas da industria forestal en Galicia | Xunta de galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en San Cibrao das Viñas (Ourense) no cuarto encontro Mulleres Protagonistas, que estivo centrado na industria forestal, que as mulleres están protagonizando desde os seus traballos na universidade, a industria ou os centros tecnolóxicos o crecemento e a diferenciación deste sector, clave para a economía galega. Así, a facturación do sector ascendeu ata os 2.300 millóns de euros en 2018, un 2% máis que no 2017. Ademais, o emprego medio na cadea forestal aumentou un 4,8% respecto a 2017, contando con case 22.000 asalariados directos.

O conselleiro, que lembrou que tan só o 20% das persoas ocupadas na industria da madeira, papel e mobles son mulleres, fixo fincapé en que o obxectivo é que cada vez haxa máis mulleres incorporadas ao forestal, especialmente en postos directivos e nos diferentes ámbitos da cadea de valor. Neste sentido, sinalou que a Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), se suma á iniciativa europea #DóndeEstánEllas, que ten como obxectivo aumentar a presenza de mulleres expertas na vida pública, especialmente como relatoras en conferencias e debates. Isto supón, segundo indicou o conselleiro, “un compromiso explícito para darlle protagonismo á muller en calquera acto ou medida que se impulse desde a Xunta de Galicia”.

O responsable de Economía, Emprego e Industria apuntou que, aínda que queda moito traballo por facer, Galicia está dando pasos firmes para a igualdade laboral con iniciativas desde o ámbito da contratación, a formación e a conciliación. Así, o programa Emprega en feminino apoiou xa a máis de 35.000 mulleres; o bono concilia para persoas autónomas incorpora axudas de ata 9000 euros para contratar a persoal e

facer fronte aos gastos da escola infantil; e lánzanse novos programas, como TécnicAs, que fomenta unha maior presenza de mulleres en ámbitos nos que se atopa subrepresentada, e Son Executiva, coa fin de impulsar as habilidades directivas entre as profesionais.

Mulleres Protagonistas

Mulleres protagonistas é unha iniciativa da Xunta que, de xeito periódico, reúne a mulleres de distintos sectores co obxectivo de establecer un diálogo aberto entre a Administración e este colectivo para escoitar as súas propostas, explicar as medidas do Goberno galego e, deste xeito, realizar unha posta en común sobre os retos e dificultades que afrontan no seu día a día.

O encontro celebrado hoxe en San Cibrao das Viñas (Ourense) puxo o foco no forestal, desde a primeira transformación da madeira aos centros tecnolóxicos e as asociacións profesionais do sector. Así, contou con Patricia González, xerente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia; Nuria Rodríguez, da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo; Natalia Hermida, directiva do Grupo Cándido Hermida; Milagros Gómez, capataz forestal; Azahara Soilán, do CIS Madeira, Montserrat Rodríguez, de Xera; Mercedes Rois, investigadora do Instituto Forestal Europeo; e María Tubío, directora da empresa Nefab Pontevedra.

Tamén participaron María Castelo, responsable de Produción MDF na planta de Padrón de Finsa; Begoña Gómez, de Foresa; Elsa Grille, responsable das áreas de cadea de custodia e xestión forestal sostible en PEFC Galicia; Cristina Reino, xerente da sección de secapastas en Ence; Ana Oróns, secretaria xeral da Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia (Fearmaga); Ana Busto, adxunta á dirección de Serrerías Rodríguez; Julia Armesto, profesora da Universidade de Vigo; Antía Paula e Antía Sánchez, estudantes de FP de Madeira, Mobles e Corcho do CIFP A Xunqueira; e Marta María Rey, recentemente titulada na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra.