A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Monterrei no Túnel do Viño, unha das diferentes actividades que se están a desenvolver durante a fin de semana nesta denominación de orixe no marco no último día das VIII Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia. Puxo en valor a aposta da Xunta por impulsar o turismo no interior da Comunidade da man da enogastronomía, a través de Galicia Sabe, a nova folla de ruta deste tipo de turismo.
Nesta estratexia recóllense as principais liñas de actuación e prioridades para promover un turismo sustentable baseado nos nosos produtos autóctonos e de tempada, onde o viño acada un lugar clave especialmente en comarcas do interior. Durante esta fin de semana máis de 20 establecementos participaron nestas xornadas de portas abertas impulsadas pola Consellería de Cultura e Turismo coa colaboración das cinco rutas dos viños e que hoxe pechaba a súa oitava edición.
Máis de 230.000 euros
Durante as últimas dúas fins de semana, a iniciativa permitiu coñecer preto de 70 adegas das cinco denominacións de orixe vitivinícola e participar dun completo programa de actividades que incluíu visitas a museos do viño, menús especiais en restaurantes, rutas monumentais, paseos en barca, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do viño. A Consellería de Cultura e Turismo inviste ata 2021 máis de 230.000 euros nesta iniciativa que promove as denominacións de orixe Rías Baixas, O Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras