Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo a pasada fin de semana un total de 110 dispositivos na comunidade galega , no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19, nos que foron tramitadas un total de 118 denuncias. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron 490 inspeccións e identificaron a 1.743 persoas.
Na provincia de A Coruña, entre o 15 e o 17 de xaneiro, a Policía Autonómica levou a cabo 344 inspeccións en 24 operativos, que deron como resultado 396 identificacións e 55 denuncias.
En canto á provincia de Ourense, os axentes realizaron 37 dispositivos e 70 inspeccións que se saldaron con 29 sancións e 413 persoas identificadas, mentres que na provincia lucense identificáronse 28 persoas en 16 dispositivos
E na provincia de Pontevedra, nos 33 dispositivos desta fin de semana, a Policía Autonómica realizou 70 inspeccións, identificou a 906 persoas e tramitou 34 denuncias
Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.
Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.