Expourense

O 14º Salón do Automóbil reúne en Expourense a 15 concesionarios oficiais

A fin de semana do 16 ó 19 de novembro celebrarase o Salón do Vehículo Novo e do 23 ó 26 de novembro o de Ocasión.

Óscar Gómez

Ourense | 14.11.2023 08:06

O 14º Salón do Automóbil reúne en Expourense a 15 concesionarios oficiais
O 14º Salón do Automóbil reúne en Expourense a 15 concesionarios oficiais | onda cero

Os concesionarios oficiais da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participarán como expositores no 14º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fines de semana seguidas en Expourense. A fin de semana do 16 ó 19 de novembro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 23 ó 26 de novembro o do Vehículo de Ocasión. Trátase de dúas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O.

O 14º Salón do Automóbil foi presentado esta mañá en Expourense nun acto no que participou o presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén Castro; o secretario xeral de Cáritas Ourense, Javier Soto Varela, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González. Por parte de ACAUTO interviu o seu presidente, Ramón Seijas Pérez, que estivo acompañado polo vicepresidente César Fernández Mosquera e por boa parte da Xunta directiva desta asociación empresarial.

Todas as marcas presentes aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2023. En total, participarán 15 empresas representando a 24 marcas que presentarán unha vintena de modelos novos. As marcas representadas son: ABARTH, AUDI, BMW, CITROËN, CUPRA, DACIA, FIAT, FORD, HYUNDAI, JEEP, KIA, MAZDA, MERCEDES BENZ, MG, NISSAN, OPEL, PEUGEOT, PORSCHE, RENAULT, SEAT, SKODA, TOYOTA, VOLKSWAGEN e VOLVO. Entre os dous salóns estarán expostos máis de 700 vehículos o que converte a Expourense no maior concesionario do Norte de España durante estas dúas semanas.

Tanto dende ACAUTO como dende Expourense indícase que estas dúas citas son unha magnífica oportunidade (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche novo. Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.

Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade fixa por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e ACAUTO.

O obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público obxectivo e amplo que poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.

Para facilitar a elección do novo coche familiar, volverá haber servizo de ludoteca gratuíto durante toda a fin de semana (Venres de 17.00 a 20.30 h.; sábados de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h. e domingos de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h.).

A novidade desta edición é que os salóns estarán aberto dende o xoves pola tarde. O horario do 14º Salón do Automóbil será os xoves 16 e 23 de novembro de 16.00 a 20.30 h.; os venres 17 e 24 de novembro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 18 e 25 de novembro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 19 e 26 de novembro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).